|
Manto
de fume
Tanto se está a falar nos medios da nube volcánica islandesa que desbarata
o espazo aéreo internacional, que inicialmente non tiña intención de
mencionar un simil ao respecto (que de seguro que xa se lle ocorreu
a mais de un), pero a evidencia non consinte súa omisión. E é que ese
pano de fume impídenos ver outros acontecementos de capital importancia,
convidándonos ás veces a perder perspectiva de nosa realidade. Cortina
de fume. Haití aínda esta esnaquizado.
Cortina de fume. As dúas espiñas, digo Españas, comezan a agromar de
novo en berros sectarios a favor e en contra do xuíz Garzón ás veces
sen buscar o camiño da legalidade e a xustiza. Non e cuestión de esquecer
(a desmemoria é grande criminal), senón de facer as cousas conforme
as regras establecidas democraticamente. Cortina de fume. Galicia nunca
tivera un goberno tan desgaleguizado coma este, pois ate Fraga foi galeguista
ao seu xeito, e celébrano co aniversario da súa vitoria nas eleccións
galegas pasadas. Cortina de fume. Cortina de fume.
Por fin se ve publicamente que os soldados adolescentes non distinguen
a realidade, dos videoxogos, e que teñen a ética e a moral perdida nalgún
lugar recóndito dos seus cus. Cortina de fume. O Gurtel segue a cheirar
a inmunda fez e probablemente o que mais lle preocupe ao partido onde
se xestou a corruptela son os futuros réditos electorais. Aos vermellos
non lles preocupa menos, e din que a economía esta recuperada, pero
testemuñamos mais perdas de postos de traballo. A ver se realmente somos
todos uns ignorantes (incluídos eles) que descoñecemos a realidade intrínseca
dos feitos; que son aproveitados parcialmente para facer mais política,
e cada vez mais mala e desvirtuada (a señora Aguirre insta aos seus
partidarios a berrar NO AL IVA, NO AL IVA). Parece que o senso critico
se dilúe coas idolatrías partidistas. Cortina de fume.
Resulta que cando se quere aplicar o sentido critico seguimos sen topar
o termo medio, e metemos a pata ate niveis vergonzosos. Véxase a parvada
do ministerio de igualdade de propor fiscalizar os contos infantís clásicos,
sen deterse a pensar a misteriosa causa de por que esas obras literarias
sobreviven tan ben despois de tantos anos; sen saber que os nenos non
senten empatía por un rol ou un estereotipo senón por un personaxe literario
(O gato con botas e un gato!!!). Imos ter que amargarlles a vida aos
nosos fillos dende idades temperás, sen ser conscientes de que xa terán
tempo de descubrir o verdadeiro conto, que é esta vida brutal, sen concesións,
sen cortinas de fume.
19/04/10
 |
|