|
A
tristura optimista
Este tempo non axeitado, que manda chuvia dende ceos grises ate chans
tamén grises cando non cinsas vomitadas por monstros de nomes raros-
reprega nosos interiores ao pensamento e nos pon algo tristes, pero
non abondo. Pois o poder do optimismo se impón á onda negativa global.
Tristes por vernos, xa demostrado e con testemuñas pretas, braceando
no medio dunha crise económica abafante; pero non tanto porque España
nunca se ha parecer a Grecia, como agoiran algúns, porque aquí hai outros
niveis institucionais e outras diferenzas que aseguran os especialistas.
Aínda que, por outra banda, e como xa comentamos algunha vez, xa nos
gustaría parecernos a Grecia (clásica). É lamentable que so cribemos
a realidade con palabras como diñeiro, finanzas, plusvalía... neste
mundo onde parece non coller a austeridade (ou simplemente o consumo
razoado).
Tristes por perder completamente o crédito nas principais figuras políticas
que nos representan, facendo ermas reunións que nunca levarán ao ben
común (a un consenso) e levándonos a pensar que cando Zapatero e Rajoy
se reúnen é coma cando segundo os gregos precisamente- Sísifo subía
a empurróns a enorme pedra cara o cumio da montaña para, unha vez chegado,
vía impotente como esta volvía caer. Unha vez e outra. Pero non tan
tristes porque nada ocorre eternamente e as sucesións ocorren.
Tristes por testemuñar a superabundancia da cobiza e ansias anexas por
amorear bens materiais no canto de sensatez ou cultura. Bens materiais
en contextos de especulación e malversación; pero non tan tristes ao
saber que hai grande número de persoas honradas traballando na sombra,
paseniño, alleas ás cores políticas, e que constitúen o eixo ou engrenaxe
desta máquina social que non funciona tan pesimamente.
10/05/10
 |
|