|
A
vida das letras galegas
A
literatura é para quen a traballa,
non para quen a pasea
Celebramos o día das letras galegas co poeta Novoneyra na memoria. Un
día que, obviando a ignorancia xeral dos que só quedan co día de vacación,
nos di que a literatura é para aqueles que a traballan. Para os que
estiveron nos acubillos movendo a pluma sobre os papeis ou percutindo
vellas olivetti en pos dunha expresión, e rara vez da trascendencia.
Para os que están diante das computadoras brunindo textos e para os
que estarán expresando seus incomodos cara a inxustiza social en nome
de Galicia. Os que describiron a realidade das súas épocas, os que denunciaron
a opresión, os que se expresaron nesta nosa lingua propia, os que pasaron
a vida diante e detrás do papel, os que supuxeron puntos de inflexión
ousados e válidos, os que presentiron cambios e loitaron por eles.
Aínda que deberían ser recordados sempre; aínda que merezan unha vida
das letras galegas, a eles se lles dedica so este día, polo que deberíamos
ter consciencia e perspectiva de tal feito aínda que so sexa este escaso
dezasete de maio. Eles contextualizaron noso pasado como pobo e merecen
ser lembrados. Todos, coa súa ideoloxía política, tendencia, estilo
e xénero. Pois eles son Galicia e nos debemos a eles. Eles nos observaron
e nos gravaron a lume a xeito de texto literario para a posteridade,
como o están a facer hoxe as lendas vivas da literatura galega e as
novas fornadas de escritoras e escritores, poetas e poetisas. Todos
por Galicia, todo por Galicia. Pero sobre todo pola literatura; que
o sabe todo sobre nós, e deberíamos comezar a decatarnos deso. A conxunción
social propende á literatura. Pero dun xeito diferente ao que se pensa:
propende a ser reflectida nas obras literarias, e nelas está a solución
de todos os problemas.
Cal podería ser un camiño para a persuasión social sobre iso?
18/05/10
 |
|