|
Terceiro
Milenio
O outro día, envolto nunha calor abafante e pegañenta, deume por lembrar
ao Iker Jiménez cos seus enigmas e misterios de fondo calado sensacionalista
e discurso para parviños (olé a liberdade de expresión). Pero o caso
é que o lembrei porque hai tempo seguíao por radio, no afán de que iluminara
miñas terribles dúbidas metafísicas, pero un día decateime que rizar
o rizo na procura de audiencia non saciaba miña sede; que estar pendente
da televisión un domingo á unha da mañá era unha tolería habendo tantas
cousas produtivas por facer. O caso é que lembrei aquelas trapalladas
e non puiden menos que pensar que nós; nosa sociedade, tamén se sustenta
en grandes preguntas sen resposta, facendo do presente un rustrido enigmático
e case paranormal:
Por que hai tantas sabas santas? Por que o Feijoó non ten conciencia
da lingua que o viu nacer e que, despois da terra, nos dá contexto como
galegos? Que son os fenómenos poltergeist? Por que os obcecados soen
están na dereita política e os transixentes na esquerda? Como puideron
construírse as pirámides de Exipto? Por que a Igrexa pide que creamos
no que eles postulan e eles non cren en nós? Que será o monstro do lago
Ness? Por que se se dixo ESTO SOLO LO ARREGLAMOS ENTRE TODOS se recorta
en garantía social e funcionariado? Existen realmente os fenómenos PSI?
Por que o clero é dono dunha caixa de aforros se Cristo postulaba, grosso
modo, déixao todo e ven comigo?
Son as preguntas dun milenio que parece que abafa como a calor do outro
día, pero agardamos que non apreme. A diferenza entre as preguntas do
ínclito do paranormal e as nosas é que el realmente non quere respostas,
pois o día que o oráculo lle solvente as dúbidas existencias deixará
de forrarse. En cambio nós devecemos por conseguir as respostas más
satisfactorias posible, xa que todos mais ou menos nos imaxinamos respostas
sustentadas nas grandes contradicións humanas, intereses e tremendas
carencias de empatía: Feijoó quere Madrid. Os obcecados da dereita teñen
fío directo co dogma cristián. A igrexa susténtase nun dogma inamovible
e "innegociable". Zapatero confiou inocentemente no optimismo,
pero a crise que veu de América zoupou e Europa fixo o resto. Non deixa
de ser o último macaco nunha serie de catastróficas desfeitas. Ao clero
tíralle máis a opulencia vaticana que a austeridade de cáritas... Benvidos
ao novo milenio.
24/05/10
 |
|