|
Duro pan e veña circo
"La
humanidad es un conjunto
de farsantes egoístas, dominando a un rebaño
de serviles concupiscentes"
Silverio Lanza
A pesar de que Adrian Goldsworthy bota por terra as teorías clásicas
sobre a desaparición do imperio romano -parte da nosa xénese-, durmo
igual de mal que antes, pois a auga pasada xa sabemos que non move muíños.
O que me veu á mente sobre Roma ao escoitar as audacias deste historiador
foi o "Panem et circenses"("Pan e circo"), a frase
acuñada no século I polo poeta Juvenal e atopada na súa Sátira X. Na
súa orixe foi atribuída ao costume dos emperadores romanos de dar trigo
e entradas para os xogos do circo como un xeito de distraer da política
ao pobo. Aínda sabendo que choveu algunhas chuvieiras dende entón, podemos
comprobar, con matices, como a humilde pota segue a estar no lume nunha
"fugaz" viaxe polos séculos que nos obriga a mirarnos nun
espello histórico, nunha superposición de vivencias na que só desentoa,
se queren, a nosa tecnoloxía.
Duro pan comemos, imbuídos nunha sensación de improvisación gobernamental
na xestión da crise. Probablemente o goberno non teña culpa plena e
probablemente os opositores metan cargas de profundidade co único fin
de agatuñar eles á poltrona, pero feitos como o abandono de Solbes ou
que o noso presidente lle perdoe unha débeda grande ao Evo Morales e
logo nos inste a que deamos algo do noso para salvar o barco, faime
sentir certos calafríos. Nunha situación que se me antolla de pan durísimo,
incluso para os pensionistas, coitados, pois unha pesetiña ou dúas de
suba nas súas pensións malamente dará para comprar un leite onde botar
ese pan. Menos mal que se é vostede galego pódese entregar ás sesións
de carne ao caldeiro recuperadas polo PP dende a era Fraga. Só ten que
finxir que lle interesa sobre maneira a política de dereitas; que avoga
polo ensino privado, o financiamento privado ou os "conflitos"
lingüísticos onde as cousas xa estaban ben como estaban. Romarías da
gaivota, a fusión perfecta entre pan e circo para esquecernos de cousas,
como por exemplo, o canon eólico ou o colapso xudicial...
Por outra banda parece que os Beatles están de aniversario, que moito
saen na televisión. Mais circo nos dan. Non neguemos súa valía musical,
pero as cousas na súa xusta medida. Medida? Sen medida as parvadas continuas
de circo que nos guindan dende os programas amarelos; esas que non vou
mencionar para non darlles outro maldito favor de difusión. Se a televisión
é o espello do reino e temos o que queremos (circo) por que ninguén
recoñece dunha boa vez que é consumidor de bazofia televisiva??? ao
mellor non se estila nunha sociedade de fazula pretendidamente progresista
e onde sabemos o que nos convén, vaia vostede saber. Quizabes non sexamos
conscientes de ser como somos, sentados ante un telexornal que lle da
mil voltas ao asunto das meretrices do inefable Berlusconi, ao festival
de San Sebastián, no que, sendo un fanático da cinema, só vexo circo,
coas súas operacións disuasorias "bastardas".
Duro pan nos nosos pequenos infernos, conformes e tristes a un tempo
por non poder mediar en Teherán, por ver que cada ano morren moitas
persoas no país mais rico do mundo por culpa de non teren un execrable
seguro médico, polo conflito do coltán*, o "mineral" silenciado,
motivo de mortes no Congo, Ruanda, Etiopía, Brasil... e sen o cal vostede
non podería estar lendo esto nesa pantalla plana que posúe, nin chamar
ao colega polo móbil para falar bla bla bla, nin guiarse polo GPS do
seu coche. Asunto este que nos liga directamente co final do primeiro
parágrafo deste artigo. Cando víamos que a Roma antiga e o mundo occidental
de hoxe é unha superposición de vivencias na que só desentoa a tecnoloxía...
pero a costa dunhas ilegalidades e baleiros que nos reafirman a inalterabilidade
da esencia humana ao longo da cadea temporal. Veña Juvenal e vexa.
* http://www.youtube.com/watch?v=NX8C-YSA2tY
* http://www.elpais.com/articulo/futuro/coltan/mineral/estrategico/elpepusocfut/20070926elpepifut_4/Tes
21/09/09
|