|
O
ciclo da vida
Morre Dennis Hopper, Antonio Ozores e o Manolo da miña aldeíña. Morren
os principios (esforzo, forza de vontade...), morre a paz, o sentido
común e nace unha "nova" era do expreso, do visual e inmediato
e pecuniariamente beneficioso. Morre a paciencia dos pobos que non son
quen de satisfacer seus azos. Morre nosa confianza nos nosos gobernantes
que se remexen entre conflictos salariais. Morre vostede. Mírese ben.
Morre a autocrítica; a razón, o interese televisivo, a confianza ou
a creatividade. Nace o descontento, descrédito e pesimismo.
Rexorde, de fatuo ave fénix, o sometemento e aproveitamento dos demais,
que se ve cando unha crise como a que xa abafa pon rico a algunha que
outra quenlla bursátil mercantilista. Son intelixentes, estudiados e
expertos. E é seu traballo e meréceno, dirán algúns. Pero hai algo (deostado)
ao que chamaban ética. Morre o touro na praza. Morren os días ao ritmo
inexorable dos segundos. Morre a credibilidade. Morre un neno nas fauces
dun can, morre o can, e o avó do neno morre coa mágoa cando o multan
e o investigan. Morre a novela; os personaxes, pese a non ter que matalos
pese a que sexa imprescindible. Morren os escrúpulos. Morre o inverno
e o frío. Morre o socialismo, a xustiza. A liberdade leva morta nada
máis de tres mil anos.
Nace teu tempo, as concesións ao optimismo, pero entelequia, o momento
de obviar conspiracións xudeomasónicas, de ser sensatos e non ver fantasmas.
Nace o intre de innovar, reflexionar e ser creativos de calquera dos
xeitos posibles. Nace o punto temporal no que dicimos o que pensamos,
ca fin de cambiar o mundo. Ardua labor. Cambiar o mundo. Nace esta defensa
do cambio, un devir novo. O momento de ver bondade, equidade e reflexión
onde outros ven pusilanimidade. (Re)nace a media verdade... e a mentira
e a hipocrisía. Que si.
31/05/10
 |
|