|
Mundo
Gurgulla
Arrepiado aínda polas palabras da Iglesia católica contra Saramago,
cuxa morte parece que agardaban, pois de querer pronunciar unha opinión
gratuíta podían telo feito en vida del e cara a cara, sentín unha sorte
de deja vu, de fenómeno xa vivido, cando sentín afogo neste mundo de
gurgulla no que nos queremos enclaustrar (algúns encantados de sentir
a protección occidental). Unha sensación de marabilla e hedonismo referendada
polo feito de que varios telexornais (cadeas públicas incluídas) abran
emisión coas fazañas da deifica selección española de fútbol cando o
mundo está como está.
Non é cuestión de negar o deporte, fiscalizar contidos e ser intervencionista,
que para facer todo iso xa están outros. Pero non hai quen me quite
da cabeza que quizáis os refuxiados de etnia uzbeka que están fuxíndo
de Kirguistán sexan un chisquiño máis importantes, ou a reconstrucción
de Haití, ou a loita descarnada da humanidade contra os fenómenos atmosféricos,
ou os enormísimos dramas humanos que se dan ate o fastío. Probablemente
sexamos [in]conscientes de todo iso pero nos supoña unha terapia o saber
do fútbol antes de saber dos humanos que cohabitan con nós a bola. Se
nós temos unha crise económica tremenda parece non ser de recibo amosar
empatía polo resto da humanidade.
Pero con estas accións e comportamentos habitamos a gurgulla particular,
occidental se queremos chamarlle dalgún xeito. Quentiña, allea ao mundo,
do que coñecemos novas mal contadas e sobre o que levamos perdida a
perspectiva dende o acordar dos tempos. Antes non había estas comunicacións
marabillosas, pero hoxe, non son abondo. Coñecemos mundo, pero quizabes
de oídas, e seguimos a dar preeminencia á diversión e mantemento do
corpiño que a outros temas tan transcendentes como son o equilibrio
social ou o ben común. O máis común dos bens. E algúns sábeno e interésalles
ternos así. Está nas nosas mans facer estourar a gurgulla protectora.
21/06/10
 |
|