TRIBUNA ABIERTA
OLLO DE VIDRO| Jorge Emilio Bóveda |

Mundo Dereito. Estado de obriga

A primeira parte do título deste artigo (Mundo dereito) podería suscitar unha sorte de ortodoxia comportamental ou condutual para o mundo enteiro, con sinónimos tales como Mundo Rectilíneo, Mundo Encamiñado ou Mundo Enfiado. Pero lamentablemente non van os tiros por aí, senón máis ben polas fragas do antagonismo. Mundo dereito refírese a unha caracterización xeral do que sucede nesta chamada civilización occidental, onde unha grande parte das persoas (oriúndas e foráneas) cren que teñen dereito a todo e, por ignorancia ou chulería, fan escorregar as obrigas adscritas a eses dereitos.

Dereito a indemnización; a buscar responsables ante sucesos de índole varia, pero non obriga a cruzar as vías dun tren polos puntos habilitados (sei que é duro e triste, pero foi coma cando se perderon uns excursionistas non sei onde e os familiares lle esixían responsabilidades ao goberno). Dereito a manifestarnos pola baixada dos soldos dos funcionarios, pero non obriga de cumprir ao cen por cen cos horarios funcionariais (excepcións a salvo). Dereito a ser "informado" con "información" relativa ao mundo do corazón e súa inopia, pero non obriga de dixerir o que estamos a ver para que actúe o senso crítico e reaccionar.

Ás veces dá a impresión de vivirmos nun mundo de ilusión e fantasía e caramelos e fanta e enróllate colega que nadie se entera, onde, se non ocorren máis desgrazas é quizais debido a unha sorte de sinerxía paranormal ou casual que equilibra as cousas algo, e impide barbaridades diarias. Pois nosa disposición social parece ser a mesma que a que pode haber en calquera república bananeira con poucas leis e moitas prebendas; unha disposición social rexida por hedonismo, xenreiras e ollo por ollo. Temos dereitos coma humanos, e reféndannolos nosa pertenza a un estado de dereito. Pero saibamos de vez que temos obrigas contraídas deses dereitos que gozamos; obrigas nas que se atopa o progreso cívico.


28/06/10

No hay comentarios
©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es Optimizada para 800 x 600 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad