TRIBUNA ABIERTA
OLLO DE VIDRO| Jorge Emilio Bóveda |

Atribucións falsas

O cirurxián que lle transplantou o corazón ao teu pai é un médico; o futbolista Villa é un heroe. A individua de méritos amatorios que sae pola tele é famosa; o filosofo que escribe cousas, que se fosen lidas cambiarían nosas existencias, é anónimo. Ao Solitario se lle fixo unha miniserie de televisión, a Marcel Proust ou a Borges probablemente non. O Dioni é o paradigma da cornucopia da abundancia acadada en minutos; o veciño do pobo que traballou tanto tantos anos a reo para facer unha casa grande e mercar un mercedes era un desgraciado até que non fixo a casa e mercou o coche, unha vez que conseguiu estas dúas cousas, froito dun esforzo pertinaz, dis que seguro que anda na droga. Non agradeces aos amigos os favores que che fan, non recoñeces os méritos creativos dese veciño teu que escribe; en cambio idealizas a un presentador, actor ou cantante ou cómico ou monologuista.

Son falsas atribucións froito do afastamento, da ingratitude, do hedonismo, dos enfoques trabucados dunha sociedade de cambio e substitución dos vellos valores por contravalores non tan vellos. Sen recoñecemento e con diversión, onde prima sobre o pensamento a catarse mediática do entretemento en existencias mellorables. Pensar doe e o inconsciente sábeo. Queremos circo, encomiar a todo aquel que máis nos divirta pero, imprescindible, que viva canto máis lonxe mellor, non vaia ser que seus rangos humanos nos desinchen. En canto á vida diaria todo ha de estar psicoloxicamente equilibrado para non facernos infelices. Todos nuns traballos alienantes, cunhas parellas pouco atractivas, cun cochiño novo pero sen estridencias, e nada de sobresaír. Nada de escribir libros, nin saír na tele, nin ter máis cartos, nin vestir mellor cós demáis nin ser máis intelixente.

Mercar unha gaita en Xapón, ler literatura escandinava, ir á Alemaña a comer unha tapa de xamón, idealizar aos mortos, son actos propios quizais dunha parte innobre do inconsciente colectivo, baseada nun sentimento de inferioridade producido cando as habilidades e os acontecementos que se saen na norma social establecida nos producen semellante sentimento de inferioridade que tendemos a rexeitalos de plano. Pero necesitamos eses prodixios, que buscamos fora, canto máis lonxe mellor. E non é de recibo. Pois o heroe é o cirurxián que lle transplantou o corazón ao teu pai e grazas a iso agora ve contigo os partidos do mundial. Non o esquezas. Canto temos que brunir aínda as nosas personalidades!


06/07/10

No hay comentarios
©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es Optimizada para 800 x 600 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad