TRIBUNA ABIERTA
OLLO DE VIDRO| Jorge Emilio Bóveda |

Nós, os autoproclamados

Quen non lembra nosos tempos de colexio cando había que facer traballos en grupo? O profesor, xa non raposeiro senón sabio, concibía a heteroxeneidade no grupo de alumnos en función da disposición ao traballo e as particularidades de cada un. Non fora a ser que uns rémoras xurdidos do devir nugallán fosen remolcados por compañeiros traballadores e disciplinados e se compraceran coa sopa boba e gozaran, a traballo rematado, das loas e recompensas do éxito do grupo. Ás veces (máis das desexables), por moito tino e man esquerda que tivese o mestre, este éxito arrogado ás carrachas era inevitable.

Como vivimos nun enorme xardín de infancia de humanos que nunca deixaremos de ser nenos e nenas, estes comportamentos veñen con nós ao longo da nosa travesía pola vida, podendo observarse este rango concreto (atribuírnos a boa nota dos traballadores do grupo) en persoas de calquera espectro de idade. E puidémolo ver o domingo á noitiña cando a selección española de fútbol conseguiu, tras longo sufrimento, e só co seu esforzo, táboas e disciplina, gañar o campionato mundial de fútbol. Cunha empatía impropia e descarada, amplificada tamén polos periodistas hipertendenciosos e chovinistas que non amosaron reparo á hora de incluírse na selección nacional coma se de xogadores se tratara: gañamos, somos os mellores, os heroes da épica futbolista que retornamos a Itaca coa coroa de loureiro sobre a cabeza.

Menuda mágoa recorrer aos demais dun xeito tan remoto (representantes futbolísticos dun país de millóns de habitantes) para equilibrar noso devir psicolóxico. En fin, teñámolo claro, gañaron eles. Nós non. Non deixamos de ser os e as que eramos. Ah, e hai persoas que nin sequera nos consideramos dentro do grupo.


13/07/10

No hay comentarios
©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es Optimizada para 800 x 600 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad