TRIBUNA ABIERTA
OLLO DE VIDRO| Jorge Emilio Bóveda |

Un Mundo Feliz

Se Aldous Huxley aínda vivise estaría contento de saber que seguimos coa nosa ansia de acadar "Un Mundo Feliz". Cando semellaba que era abondo fiscalizar os espazos públicos para non facer neles uso do tabaco (cuxa produción controla, supervisa e fiscaliza o propio goberno), e de meter man en algo tan intocable como os contos clásicos infantís, aducindo que seica están sementados de estereotipos sexistas (vaia análise sumarísima da súa capacidade de interpretar!), chega agora unha incipiente prohibición nova: a de prohibir (e dalle!) certos alimentos nas máquinas expendedoras dos centros escolares.

Sabemos de preto o poder tentador dos caramelos nas portas dos colexios, pero tamén sabemos que a fabricación deses doces é legal, e tamén sabemos o útil que é practicar o diálogo cos fillos para desenvolver o crucial sentido crítico, para levar os hábitos alimentarios aprendidos da casa e non verse na disxuntiva de se mercar ou non mercar as bolecas industriais. Testemuñei en varias ocasións que pode ter o mesmo "sentidiño" un grupo de rapazas e rapaces de segundo da ESO diante dunha desas máquinas de vending no instituto que un grupo de persoas de trinta anos diante doutra desas máquinas nun centro comercial. Polo que, se se consinte que se fabriquen alimentos con graxas saturadas, que se consinta que a mocidade demostre que ten criterio (aprendido na casa) para saber o que lle convén e o que non, sen caer no abuso.

Que non quede nas mans do goberno o educar á xuventude en materia de alimentación, porque sabemos que o fai do único xeito, á maneira propia dunha dereita aínda representando unha esquerda: prohibindo. E ese; ese non é o camiño, vaites. Precisamos distinguirnos dos xeitos represores que cheiran a pasado e que tanta grima dan, para acadar o auténtico mundo contento. A felicidade, tal e como andan as outras cousas polo mundo adiante, deixámola en quimera. Educar e confiar son os verbos a conxugar. O prohibir debería ser intrínseco de cada un. Pois o feito de que haxa coitelos nas cociñas non implica necesariamente que todos corramos o risco de morrer acoitelados.


20/07/10

No hay comentarios
©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es Optimizada para 800 x 600 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad