TRIBUNA ABIERTA
OLLO DE VIDRO| Jorge Emilio Bóveda |

A Deus pregando...

Onte seica foi o día de Galicia, pero case sen Galicia, pola inmensidade de estranxeiros, turistas e foráneos varios que a pisaron, e case sen Galicia por estes mandatarios de escasa querenza pola súa terra, que nos fan tremer por se nosa identidade se perde no fluír dos tempos. Case sen Galicia por non haber a mesma intensidade festiva nas catro provincias. Mais que o día de Galicia ben pareceu o día de Santiago, pois en Ourense, por exemplo, non nos decatamos da onomástica. En fin, día de Santiago pois.

De entre todos os negocios turísticos existentes quizais Santiago sexa dos mais, xa non lucrativos porque non están os tempos para iso, senón populares, ao nivel da peregrinaxe á Meca ou a Lurdes ou a Fátima. E a moitos dos seus defensores se lles enche a boca con parangóns: que se rito iniciático a facer ao menos unha vez na vida (xa ves ti), que se trasunto do retorno de Ulises a Ítaca, que se materialización da épica homérica, que se expresión soterrada do esoterismo do camiño vital vía xogo da oca, que se humanización do abstracto concepto da viaxe interior, e outros símiles máis ou menos afortunados.

E fágase o ritual co "espírito" que se faga (son agnóstico, grazas a Deus) é innegable o poder de convocatoria dun santo que quizais de humano non fose tan santo e a saber onde ten soterrados realmente seus vestixios humanos. Un poder de convocatoria que xa o querería para si o evolucionismo e os evolucionistas, e que levou á famosa catedral santiaguesa aos monarcas do estado español cunha ofrenda mecanografada na que se pediu ao santiño (que quizais non foi tan santo) que nos redimira desta crise económica que nos abafa.

Pois xa que o santo "nos" fixo gañar o mundial tras facer que un insigne cefalópodo comera os bivalvos axeitados, ben pode "enrollarse" e darnos pulo para afrontar esta crise xurdida de occidente e en occidente estamos; Santiago, a meca de aquí. E mentres os que teñen que asegurar os milagres de Santiago mal vogan entre a incerteza, a descualificación e o insulto, o país se pregunta que demo significará a palabra laico. Eu ignóroo.


26/07/10

No hay comentarios
©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es Optimizada para 800 x 600 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad