|
Prohibido prohibir
Estou moi de acordo coa sentenza ou binomio (ou como gramaticalmente
se chame) "prohibido prohibir", salvo en evidencias,
claro, como prohibido matar, prohibido someter, abafar, ou
non respectar as opinións alleas. Pero o xeito de como este
par de palabras é enarborado polo partido da oposición ao
goberno central, en boca dun Rajoy tan humano como para non
poñer o cinto de seguridade cando vai en coche, non me fai
sentir outra cousa que non sexa suspicacia. Pois leva a evidente
e interesada intención política, que se fose de parte da outra
banda a mesma historia sería, pero choca que quen fai agora
emprego das dúas palabriñas lema en altofalante sexa unha
dereita política cansa de prohibir até a fartura; até o fastío
na época Aznar e moito máis gravísima e inhumanamente na época
(non tan afastada no tempo) do ditador.
Penso que este feito reafirma a idea, que xa teño comentado
neste OLLO DE VIDRO, que di que, conforme avanza o tempo en
democracia, os idearios políticos se dilúen en favor dun corpus
de ideas e actuacións desorientadas politicamente e orientadas
en favor soamente dos partidarios de cada cor, pudendo amosársenos
comportamentos de dereitas en partidos de esquerdas e viceversa,
quedando estes partidos políticos (cos seus idearios de libreto)
de cara ao pobo como se de equipos de fútbol se tratara. Coas
mesmas capacidades, as mesmas competencias, e que contenden
só pola gloria da vitoria e os emolumentos que gañarán tras
ela. Non hai entusiasmo político e cada vez parece haber menos.
Será so impresión miña?
03/08/10
 |
|