|
O estranxeiro ou o ben propio
Dixera Thomas Macaulay, historiador e político británico do século XIX,
que cando a loita entre faccións é intensa, o político non se interesa
por todo o pobo, senón polo sector ao que el pertence. Pois os demais
son, a seu xuízo, estranxeiros, inimigos e incluso piratas. Isto nos
fai ver que o paso do tempo nos amosa dúas cousas claras: a primeira
é que políticos consagrados eran os de antes, e a segunda que nin co
tempo evolucionamos coma humanos. Nolo corroboran feitos como que o
PP atribúa o informe da policía sobre financiamento ilegal a unha montaxe
de Rubalcaba, como que Rajoy diga altisonante en Dos Hermanas que os
progresistas botaron o país a desbarate, cando sabemos que a crise ven
de onde ven e que non está tan definida como parecen darnos a entender.
Aínda que as subas nos impostos e no IVE nos dean malos augurios e nos
poñan a tremer. Fe de esta frase tamén a da a moción de censura en Silleda,
as parvadas de xardín de infancia da nai de Leyre Pajín (outra vez a
menciono, pero repito que me importa pouco como político), o transfuguismo,
ou os berros ante a reforma da lei do aborto.
É que realmente non é doado comprender que non a toda a humanidade lles
interesa o progresismo. Que cohabitamos uns cós outros; reaccionarios,
altos, católicos, gordos, guapos, amorais, progresistas... e que é dificilísimo
(utópico) acadar un consenso común que contente a todos. E digo contentar,
porque tal como andan as cousas polo mundo adiante a felicidade cada
día impregna máis os vernices da utopía: hai zonas de África máis esquecidas
que o interior dos cráteres do polo sur da lúa, que seica se pescudou
nestes días que está a douscentos graos baixo cero, enfocándose os telescopios
cara fóra no canto de cara dentro con novo turista espacial en preparación.
E neste fío Irán recoñece que ten unha planta nuclear secreta, Zelaya
pásaas cadelas en Honduras, O G-20 non quere saber nada de recortar
as bonificacións aos xerifaltes da banca... o que nos recorda que habitantes
somos de illas de case ledicia, nunca de felicidade, e nos sabemos posuidores
dun pudoroso privilexio: ledicia.
E mentres en Europa reméxese na procura dos papeis do seguro do Prestige,
en América, despois do lategazo da negativa de cortar bonus bancarios,
Obama desmonta paseniño os desaguisados de Bush, e os beneficios da
viaxe de Zapatero a América eclipsan e colapsan pola parvada do cotilleo
da fotografía na que saen súas fillas. Inconsecuente el, si, que dixera
que quería preservar a intimidade das nenas e levounas de viaxe de estado,
pero non somos menos inconsecuentes nós, que nos queixamos das políticas
mundiais e lle concedemos importancia a se as súas fillas menores de
idade saen en fotografías ou non. Penso que a nociva prensa do corazón
nos afeccionou durante máis de trinta anos para que nos importen estas
cousas (a min impórtanme tanto as fillas de Zapatero como Leyre Pajín).
Deberíamos de concederlle máis importancia ao alí tratado que ao alí
retratado.
E cando asistimos á confirmación simétrica da cita de Macaulay os políticos
piden para a súa cor. As dereitas devecen polo capital e as esquerdas
tentan defender políticas sociais bastante collidas polos pelos, nunha
loita polo poder no que probablemente o último que conte sexamos vostedes
e mais eu. E se contamos xa sabemos, resignados, que "contamos°"
dentro das nosas respectivas afinidades que se tornaron dende comezos
do século XX e coa guerra civil en endogrupos, faccións, cores, -ismos,
ideoloxías, partidos e todo iso que nos categoriza e que nos impedirá
por sempre un consenso pleno de ben común para o pobo enteiro. Pois
nunca se fala dos disidentes dunha maioría electoral e son os que acaban
confirmando ao señor Macaulay. Existe outro xeito para súa sentencia,
señor Thomas?
28/09/09
|