TRIBUNA ABIERTA
OLLO DE VIDRO| Jorge Emilio Bóveda |

O tinglado

Co permiso dos comedidos, escribo que Hollywood e seu tinglado é aborrecible. Tamén o sistema de estrelas de celuloide (de nome sofisticado) establecido por eles ao redor dun negocio cada vez menos lucrativo pola falta de ideas e talento, e a circulación dos filmes pola inter-rede e a piratería. Sistema de estrelas onde algún actor da súa nómina parece moverse en outros negocios paralelos manchados polo sangue dos inocentes en países bananeiros de innúmeros buratos legais. E as ³estrelas² (malditas equivocacións na atribución de apelativos) sucumben a aquilo que entre eles, os periodistas do corazón e os idiotas, chaman glamour, de diamantes e outras riquezas opulentas, caia quen caia. Sumemos a ese coto, ou enxame de actuadores cinematográficos, modelos de pasarela e dirixentes políticos de grande sona, e teremos "o tinglado", que parece querer demostrar que a riqueza atrae riqueza e fai perder moitas perspectivas humanas. Enorme tinglado.

Tinglado que demostra que o chamado papel couché (polos mesmos de arriba) e esoutras trapalladas de malcriados, non é exclusivo de España -ainda que algún insista-, coa súa programación televisiva rosa inane tirando a fucsia no verán, senón propio dos países chamados occidentais que levan décadas facendo negocio do desiderátum, amosándonos miserias e niveis de vida que nunca teremos nin con toda a progresión xeométrica a favor -supoñendo que o lector non sexa controlador aéreo-; pondo ante nosos fociños larpeiros un monllo de mundos para lelos de ilusión, fantasía, princesas e castelos da vida que os plebeos non teremos salvo que deamos un oportuno bragueirazo; permanente desexo. Gloria e fortuna.

E nestes azos ferintes; nesta espera pola vida padre descoidamos nosas cataduras; como se ve nos artífices e participantes do tinglado, posuidores de inxentes fortunas pero á súa vez posuidores de evolucións humanas miserables, que os levan a lucir con toda a máis displicente frivolidade diamantes enchoupados co sangue dos inocentes. Consíntanme agora, por favor, dúas palabras moi vulgares pero de fondo sentimento: PUTO NOXO.


09/08/10

No hay comentarios
©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es Optimizada para 800 x 600 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad