TRIBUNA ABIERTA
OLLO DE VIDRO| Jorge Emilio Bóveda |

Poucas causas; moito mal

Antes, a baratura das madeiras queimadas era un pretexto para achegarlle un misto aos montes, pero agora, tempo presente, que a venda desa madeira non é rendible nin legal, non colle no razoamento que a totalidade dos lumes que atacan á Galicia e a Portugal (ao resto de España e ao mundo) sexa atribuible soamente ás cabichas de fumadores despistados imperdoables, ao efecto reflexión dos raios do sol atravesando anacos de botella de cristal esquencida no monte, ou á acción de personiñas psiquiátricamente taradas que sofren unha enfermidade que se chama piromanía. Poucas causas para moitísimos lumes. E son poucas atribucións porque de seguro que ninguén é abondo idiota como para se poñer a facer churrasco no monte en plena estantina de trinta e cinco graos centígrados, ou como para apostar súa homía (ou súa feminidade) a que é quen de lle poñer lapas ao monte, ou como para queimar aquelas xestas que tanto estorbaban no inverno.

E tan poucas atribucións son, que nos instan a pensar en que probablemente subxazan outros escuros intereses que sempre acaba pagando o parvo do pobo ao que levan preso: pastos renovados, limpeza da matogueira infernal da que ninguén quere saber, contratos nas collas de traballadores do lume (é duro, pero xa se demostrou nalgún caso) que dan a entender que, como en asunto informático ou bacteriolóxico, o mal adoitan facelo os que logo aparecen vendendo (ah, marabilloso verbo!) a solución a ese mal; antivirus, praguicidas, servizos de extinción ou antídotos mil. E de subxacer ou non escuros intereses; propios deste noso xénero, a pouco que pensemos, caemos unha vez máis (enésima) na sempiterna pregunta sen resposta que di que cómo diaño os seres humanos podemos ser tan malnacidos???? Ignorancia? Carencia de educación? Ante casos graves coma os lumes sempre me marchan os pensamentos a palabras coma estas. Ao mellor as dúas únicas causas de tanta desfeita.

19/08/10

No hay comentarios
©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es Optimizada para 800 x 600 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad