|
Minuto
de gloria
Mentres chove en Pakistan e a industria hoteleira española defende un
bo ano que fai pensar que a crise non afecta a todos por igual, José
María Aznar, o ex presidente do goberno de España, non soporta o anonimato
de ex mandatario, e visita un Marrocos quentiño polo asunto destes días,
e dando a entender (...a bo entendedor...) que se todo estivera nas
mans dos seus amigos machos outro galo tería cantado. Pero o homiño
precisaba un minuto de gloria, como a que viven Rajoy, Zapatero, Rubalcaba,
Pepe Blanco ou Chacón. Pero sobre todo seguro que botaba en falta a
gloria de Rajoy, en quen sospeitamos que non confía, crendo mesiánicamente
que el é o único e válido para desenvolver labores de goberno rexo aínda
que sexa sen o pobo, sen aceptar o devir dos acontecementos nin o paso
do tempo.
Minuto de gloria buscado como os personaxiños, infaustos, que buscaron
ocos televisivos para invocar ás deidades da miseria, se é que hai deidades
e non se trata directamente de miseria; ou a que viven os que saltan
ás cámaras en programas de formato repetidísimo do tipo de "CALLEJEROS"
ou "AMÓSAME TÚA CASA" ou "MIRA QUE RICO SON, POLO QUE
VAI SENDO HORA DE QUE GRAZAS AO MEU MINUTO DE GLORIA O SAIBA UN NÚMERO
MAIOR DE PERSOAS MEDIOCRES..." Minuto de gloria que parecemos buscar
os que escribimos nos medios, se non fose porque a escritura quizáis
implique outros "intereses" e tanxentes, pois conleva sufrimento
e oficio; exteriormente como un medio (inxenuamente) persuasivo, e interiormente
como exercicio de catarse ou limpeza ou desafogo ou purificación. Nada
que ver coa "gloria" daqueles outros.
E dentro destas "glorias" debemos tamén distinguir as glorias
honrosas e inocuas e as glorias viles e deshonrosas; as que se basean
en prexudicar a terceiros; en empregar ao próximo a xeito de banzo para,
póndolle os pés nas costas, pórmonos nós por riba. Neso está baseado
o modus operandi dos paxaros que procuran a fama e a fortuna a través
do televisor, caia quen caia. Neso quizabes estea baseado o minutiño
de gloria do ex presidente do goberno español quen, inda por riba, fala
con tal convicción que semella que leva razón. Que ben quedaría nun
lugar que eu sei (non pensen de xeito soez, refírome ao ANONIMATO).
23/08/10
 |
|