TRIBUNA ABIERTA
OLLO DE VIDRO| Jorge Emilio Bóveda |

Mergullados

Morre agosto e, aborrecidos dos malabarismos pouco sorprendendes (agora, donas e señores, o sempre visto!!!) da caste política a todos os niveis, observamos que o home que vende madalenas polas portas e a muller que recolle cabichas dos cinseiros da rúa para liar pitos na casa son unha minoría en comparanza coa ocupación turística abafante deste veran do dous mil dez; ano de crise. Unha ocupación masiva que non hai que atribuir ao turismo europeo que veu en masa a saltar dos balcóns dos hoteis alá polo sur. Pois por aquí polo norte houbo unha marabunta turística nacional que mergullou nas augas das nosas rías, e quizais por mor doutro tipo de mergullamento; o económico; a economía mergullada ou, se me consinten o castelanismo, sumerxida. Economía sumerxida. Por que non? Onde está logo a crise?

Economía esta, agochada e tramposa, que quizabes nos dea unha explicación satisfactoria dos amoreamentos turísticos en todos os santos sitios (profanos tamén). Quen sabe se froito de retribucións en diñeiro negro (tome este sobre Gómez, leve á muller e aos nenos á praia!); de engrosar a lista do paro e traballar de "estrangis" noutros mesteres; de cobrar seiscentos por nómina e outros seiscentos de xeito subrepticio, rebentando así a economía sen renunciar á economía propia, ao noso acomodo burgués de cada veran. Consecuencia quizais dun sistema mal montado de base, digamos que con erros na maquinaria ética, con manchas de ferruxe nas torquetas dos vellos valores.

Logo, cando pasen as décadas e cheguen as pensións, miserentas polo pouco soldo declarado, inzaranse as voces contra o goberno de turno (sexa da cor que sexa) ou contra os funcionarios polas súas xubilacións medianamente medianas tras sufrir as flutuacións destes períodos de trampa, tras ser estafermos do goberno polos que ninguén se manifestou nin sentíu empatía. Vivamos pois, resignados, estes tempos de trampas, consumo e minorías pasando necesidades, aos que chamamos períodos de crise. Imos ter que dar a razón a aquel que dixo que España é país de pícaros. E de outro tipo de persoa que eu, tristemente, sei. Exabrupto.
 
PD: hai honrosas excepcións que vostede seguro coñece (ou non).


31/08/10

No hay comentarios
©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es Optimizada para 800 x 600 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad