|
Medos menores e maiores no planeta mandarina
O home que ten medo sen perigo,
inventa o perigo para xustificar seu medo.
Émile Chartier Alain
A partires do 1930 os coñecidos estudios cinematográficos da Universal
de Carl Laemle descubriron que os espectadores devecían polos aspectos
morbosos e macabros amosados nunha pantalla, por esa ansia inconsciente
da humanidade por saciar súas baixas esencias con escabrosidades cando
o equilibrio social laboral está acadado e non hai ameaza ren. Así filmáronse
unha recua de películas de terror que foron dende o Drácula de Tod Browning
do 1931 até a serie de Frankenstein, pasando pola panoplia de arquetipos
terroríficos amosados en filmes de serie B extraídos maioritariamente
da literatura victoriana e do pueril imaxinario da época. Pero iste
gusto foi mirrando coa chegada da segunda guerra mundial, que amosou
o terror en directo. As cruezas da realidade solaparon á ficción ao
desfacerse aquel equilibrio sociolaboral; aquela estabilidade do que
busca o goce pasándoo mal de mentira.
Hoxe en occidente pensamos que o mundo globalizado (o non globalizado
nin se ve) é unha prolongación das nosas propias casas quentiñas e fartas.
Quedámonos cos titulares sobre o que ocorre alén das nosas "fronteiras"
-alén do ascensor en realidade- e, por saturación desinformativa e acomodamento,
perdemos a perspectiva dos feitos graves que cohabitan con nós: Si,
houbo un terremoto devastador en Sumatra, un temporal en Sicilia e inundacións
en España que fixeron que moita xentiña perdese todo aquí e a vida acolá...
Moi grave. E perdemos a perspectiva quizais porque son acontecementos
que, aínda que non estean tal, se non antollan afastados, e logo amosámonos
ridículos en temas banais como o da gripe A, porque si o vemos preto;
tomando un dato capciosamente magnificado e fabricando unha perspectiva
esaxerada.
Coa crise ocorre algo similar, aínda que con matices. Ben certo é que
non está perfectamente definida, pero o medo pode xurdir ao reflexionar,
por exemplo, sobre o carácter tan infantil dos políticos que nos representan.
Pois gastaron un diñeiro importante en comer croquetas en Copenhague
porque pensaban, ilusos meniños, que España sería sede dos xogos olímpicos,
cando antes lle tocou a outro país europeo. Cantado estaba, e eles bailárono.
E nós mentres tragamos cuspe por saber que ocorrerá coas rendas mais
altas e os impostos, e por saber da sorte do Alakrana e súa indefensión
sen exército defensor de barcos, e instados os armadores a que contraten
machacas de Prosegur ataviados de porras contra a ignorancia criminal
dos piratas. Quen non sentiría terror en condicións tales?
Medo temos tamén a dicir plenamente o que pensamos e, ao contrario do
que poida parecer, estílase tamén en España a auto censura. Tememos
a reprobación, a rifa, ou cousas de maior transcendencia (social, profesional...),
aínda que nunca será ao nivel de Italia, onde non teñen que preocuparse
en auto censurarse porque xa o fai o ínclito Berlusconi, provocando
manifestacións de grande calado para que ese señor non ataque á liberdade
de prensa que séculos custou acadar. Aínda que me reafirmo en escribir
que a liberdade de prensa leva suspendida unha invisible espada de Damocles
por este instintivo medo a manifestarnos de xeito pleno; por este instintivo
medo a cousa calquera. Pero penso que mellor son para nós estes males
de serie B que os males de verdade serios e graves cuxo afastamento
hoxe fai que perdamos a perspectiva, e que fixeron que os espectadores
das películas de terror da Universal lle perderan subitamente o interese
ao cinema. Sintamos medos menores, pois.
05/10/09
|