TRIBUNA ABIERTA
OLLO DE VIDRO| Jorge Emilio Bóveda |

Delgaditos, no queremos vuestros besos...


Non hai quen me quite da cabeza que vivir nunha monarquía e de maioría cristián son dúas das causas primeiras e últimas do que se ven observando nesta nosa sociedade de república mandarina (pasa de banana). Por unha banda a monarquía, pese á importancia do que puido facer no pasado, se nos amosa hoxe como un conxunto de persoas que viven "a corpo de rei" ‹nunca mellor dito‹ grazas aos nosos impostos e que se reproducen con frenesí quizais nun afán de perpetuidade na poltrona real. Por outra banda a historia nos gardou de sempre un determinismo cristián; esa mesma relixión en cuxa orixe se instaurou o traballo coma un castigo divino, sendo o ideal para a humanidade vivir nun paraíso con todas as comodidades nunha plena defensa á inacción. Pero algo foi mal, Adán e Eva foron castigados e se viron abocados a pagar o pan coa suor das súas frontes. Traballo igual a castigo. A historia andou e chegou ate hoxe.

E nesas pallas confírmase a debilidade que soe amosar parte da sociedade española. Que está parada e en crise, si, pero propensa moitas veces ás garantías sociais e á teta e ao mínimo esforzo. Como o corroboran frases de diálogo de rúa: ‹Que tal nese traballo? ‹De marabilla. Non a raño!!!! Como o corroboran os concursos multimillonarios televisivos de conivencia co fraco esforzo. Como o corroboran os programas que enaltecen ás persoas que se enriqueceron por deitarse cun "famoso". Como o corroboran as "Loterías y Apuestas del Estado", como o corrobora a ansia de certas maiorías por arrogarse á nómina do maldito "glamour". Como o corrobora "Gran Hermano" e envía MILLONARIO ao 5555. Como o corrobora unhas frases que me dixeron unha vez: déixate desa trapallada de escribir que non che da máis ca nerviosismo, remata a licenciatura, ascende por promoción interna e vivirás como Dios. Como un marqués, un raxá. Pensa o ladrón... Luxo, sexo, alimento abundante, vivir ben. (bágoa na miña face).

Estas fraquezas tamén as corrobora o ditoso caso Gürtel e súas gadoupas. Pero o peor non é que nos decatemos en época de crise de que se fala de reloxos de vinte mil euros, coches deportivos, centos de miles de euros baixo man, e outras regalías. O peor é que hai persoas víctimas da crise que ven estas canalladas con envexa, e tamén que moitos dos imputados, lonxe de arrepentirse, se maldicen por teren sido descubertos. E isto é novamente corroborado ao saber que o "prócer" Correa quería que lle chamasen Don Vito Corleone na consciencia plena do que andaba a argallar. Un noxo. E para que vexan que este texto non é un alegato en contra do PP saiban que lembro Mercasevilla, Estepona e Filesa co PSOE. Ambas faccións contextualizando grupos nominais do calado destes: o suborno canalla, o tráfico de influencias, o fraude fiscal, a asociación ilícita, a falsidade documental, os delictos contra facenda, o branqueo de capitais... Delgadiños todos.

E nesta dinámica da delgadeza xorden comportamentos que causan estupor: pasividade, miradas cara outro lado, negacionismo ante un sumario que inclúe fotografías inculpatorias ultra explícitas, falta de dimisións, andrómenas baseadas en conspiracións "xudeo masónicas" contra o PP, inculpación de persoas que xa están mortas e non se poden defender, técnicas disuasorias como festivais e celebracións similares, e outros comportamentos de atribución complicada que acompañan a esta lenta construción europea nun ralentí que aos máis aprehensivos nos pinta cun verniz de pesimismo moi difícil de disolver, para o que o único que nos propoñen é un disolvente que fabrica un cuñado do primo do político que nos representa e contextualiza. Que extrema delgadeza, mon dieu. Non queremos vosos beixos.



14/10/09

No hay comentarios
©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es Optimizada para 800 x 600 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad