|
Altas, medias e pequenas voltaxes
Hanme permitir que faga unha sorte de exercicio de autoplaxio tirando
a colación o contido dun texto do meu libro A TRAVÉS DE CRISTAL. Breviario
de Perspectivas, que poden descargar de balde nesta ligazón: http://vault.jimdo.com/literatura/ensaio/
.O artigo titulábase "En Cierta Medida" e nel falaba de Lord
Kelvin, que dicía que a medición e a ciencia son consubstanciais; que
sen medición non se pode dar ciencia; que a medición determina a validez
de calquera ciencia. Sendo a medición extensible a moitos ámbitos de
explicación. Pois emprégaa o mestre cos seus alumnos e alumnas. O pedagogo
mide para coñecer os problemas que se lle presentan e tomar logo as
medidas oportunas. Mide o psicólogo de penitenciaría, mide o psiquiatra,
mide o científico e mide a sociedade. Dareille a primeira das pistas
sobre o tema central deste artigo: Jean Zarkozy. Aínda non saben por
onde van os tiros? Sigamos pois.
Seguindo no meu propio texto, "En cierta Medida", diremos que coa
aparición dos test nos Estados Unidos nos anos vinte do século vinte
produciuse un cambio cualitativo no intre de coñecer as capacidades,
as limitacións, as aptitudes, coñecementos e destrezas dos suxeitos
humanos e, en igual progresión, comezaron a deixarse cara unha beira,
ao colocar ás persoas nuns ou noutros determinados postos de traballo,
os amiguismos, o clientelismo, o favoritismo, as recomendacións, berces,
avoengos e crispados sentimentos de pertenza a (endo)grupos selectos.
A medida foi o motivo segundo o cal se puido situar en determinados
traballos a determinados tipos de homes e mulleres. A partires daquela
década por fin os seres humanos foron valorados polo que valen e por
como son, e non por quen son ou de onde veñen.
Lamentablemente estas liñas esnafran coas dinastías americanas, onde
moitos dos que teñen ou tiveron que ver co poder comparten apelidos.
Así, onde o Iker Jimenez ve serendipias (casualidades abraiantes) o
Gran Wyoming ve enchufes por todas partes. Estas liñas tamén esnafran
coas intencións do presidente francés por meter ao seu nené, Jean Sarkozy,
sen preparación nin estudios nin ren, nun posto de altísima responsabilidade
comercial, financeira e social. Estas liñas esnafran ao escarvar nas
árbores xenealóxicas dos políticos do goberno central español e da oposición.
Estas liñas esnáfranse nun dos colexios aos que prestei miña paciencia
como estudiante durante once anos, de titularidade privada concertada,
onde a meirande parte dos profesores eran familia. Estas liñas esnáfranse
na miña terriña co filliño do Baltar, que seica é moi válido, un campión,
e por iso merece acceder ao trono de papá. Estas liñas esnáfranse co
sexto sentido: o común.
Menos mal que non todo ten por que ser negativo nesta exposición escrita,
porque esta miña amada comunidade autónoma en xeral, e esta miña querida
cidade e provincia en particular (Ourense), deben ser as zonas de cidadáns
máis capaces, con máis aptitudes, con máis coñecementos e máis destros
en milleiros de saberes de burocracias e outras índoles. Porque do contrario
non me podería explicar como existen dependencias nas que quince persoas
fan o traballo de tres, ou sete se enfrontan a unha xestión de dez minutos.
Debe ser que como son todos tan válidos para desenvolver o posto, os
"puppetmasters" non son quen de dicirlles que neses traballos xa non
cómpre tanta xente. Ou non? Datos, libros, teorías, medicións... ai,
ai, ai..
19/10/09
|