|
Na maqueta do escalextric
O que menos me gustaba do Scalextric (esa pista eléctrica de cochiños
da nosa nenez que responde ao nome de "Slot") era seu caracter
aborrecidamente cíclico. Esas monótonas voltas e máis voltas, que voltas
seguían a ser aínda que compartiras túas pistas coas pistas do veciño
do quinto. E pensando neso apareceume no maxín un dos tópicos literarios
e culturais máis profusamente repetido: O eterno Retorno, unha concepción
filosófica do tempo postulada por vez primeira (penso) polo estoicismo
e que formulaba unha repetición do mundo onde o mundo se extinguía para
volver crearse; onde o coche de Scalextric, por sofisticado que fose,
pasaría unha e outra vez polo punto de partida. Nunha monotonía que
foi retomada por Nietzsche coma concepción do tempo característica da
súa filosofía, aceptando que todos os acontecementos do mundo, pasados,
futuros e presentes, repetiranse de xeito eterno.
Aproveitando esa idea, deixándome levar por un xeito impulsivo de raciocinio,
vexo pasar un coche El Egido diante de min; desta pista de °ƒSlot°±,
cando hai nada pasara un Gürtel, cando hai nada pasara un Filesa, cando
hai nada pasara un Estepona, Mercasevilla... nunha sucesión repetitiva
e misántropa que concita nosas entrañas á náusea. E pasa menos veloz
do que desexaríamos o coche dos piratas do Índico, cando hai xa voltas
e voltas, pasaran Francis Drake e outros tales. E pasa a guerra dos
americanos no Iraq cando retomando voltas cara atrás no pasado, no 1258,
pasara a guerra dos mongois no mesmo lugar. E pasa o coche Belén co
muro da vergoña, cando hai un salaio pasara o inefable muro de Berlín,
e máis outras pasadas a muros pesados pisados que abafan e xa non atino
a mirar.
Pasara o cristianismo deconstruído en dúas pólas, anglicanismo e catolicismo,
en tempos de Henrique VIII, e parece ser que pasa de novo nunha tentativa
de nova construcción cristiá de cregos casados e albisco de crise ate
na institución das institucións, que chegou a inventar negocios como
as peregrinacións a Compostela, xacobeos e outras beatitudes. E, se
de crise falamos, pasaron tamén moreas de coches crise económica dende
que se acadou un nivel crecente de cultura e civilización, xusto cando
agora pasa esta, lenta, torpe, a ralentí en coche avariado que esvara
porque quizais lle roubaron os pneumáticos dos discos e non é quen de
avanzar. Pero tamén hai que dicir que neste último estoupido inmobiliario
ninguén dos beneficiados especuladores se detivo un intre a pensar que
existimos nunha maldita maqueta de Scalextric, no que as curvas son
sempre as mesmas e están á volta da esquina, ocupados quizabes en encher
faldriqueiras e outros ocos. Crise económica que desorienta a necesaria
iniciativa política nesta realidade onde todo ven dado.
E Feijoó rebaixará nun tres por cento o salario dos altos cargos da
Xunta, igual que o fixo -se se me consinte o anacronismo e con perdón
ao folclore inglés medieval- Robin Hood, que tamén lles quitaba aos
ricos... coa diferencia de que repartía cos pobres. E o goberno, na
era do presunto cambio climático, amplía as axudas para mercar coches
de verdade (non de Scalextric, senón fumegantes) como ocorrera co plan
Prever. E seguen terribles as listas de espera da sanidade, como coche
avariado e afastado nunha beira que nin sequera é autónomo para dar
voltas pola pista. Limitándose a agardar unha reparación que nunca chega
ao lado de outro coche rotulado coas dúas grandilocuentes palabras:
Xustiza Española. Maltreito e malfadado de puro fastío. E por último
(para rematar eu, e non a exposición de feitos pois se expoñen ciclicamente
cara o infindo) Blanco di que a entrada do AVE en Galicia se deterá
se se aproban as emendas do PP aos orzamentos. Así, con ese pueril "estilo"
de botarlle a culpa aos demais que nin nós practicabamos de nenos por
estar amplamente leccionados, pero que si practicaban, por exemplo,
os que postularon décadas hai, que a morte do auténtico Rock and Roll
foi culpa de Yoko Ono, ou que a culpa de todo tíñana os Masóns. En fin,
outra volta á torqueta.
26/10/09
|