|
Viciados
pola realidade
Falar
de éxito do que sen dúbida é un fracaso colectivo, retrata a unhas organizacións
sindicais, ás que unha inxente cantidade de traballadores non recoñece
como representantes dun colectivo, canso de ter que pagar polo que non
teñen culpa.
Unha folga xeral que partía dunha premisa de ataque á reforma laboral
dun goberno socialista, obrigado polas circunstancias da intervención
de facto de Bruxelas na nosa economía, e encadeado ao fracaso da súa
incapacidade de xestión. Se unha persoa do estranxeiro observase con
certo interese, as campañas do sindicato socialista UXT para alentar
aos traballadores á folga, podería sacar a equívoca conclusión, que
as mobilizacións son na contra da oposición política e da "demoníaca"
patronal, máis que da xestión dos que non son quen de levar as rendas
do país. O certo é que estes sindicatos estatais quedan marcados ante
a opinión pública, como cómplices necesarios por omisión, dun executivo
socialista a nivel do Estado esgotado xa incluso na súa capacidade de
improvisación.
A indecencia da carta libre coa que actúan os piquetes "informativos",
-nalgúns casos ao máis puro estilo da kale borroka-, a impresentable
actuación dalgúns empresarios coaccionando aos seus traballadores, e
a ignominia gobernamental, fan un cóctel explosivo que debuxa un panorama
bastante desalentador, con respecto á situación laboral que temos por
diante. Se os mesmos que consentiron que o déficit público estea en
niveis non soportables, e os que soben os impostos freando o consumo,
pretenden dar agora leccións éticas á nosa xa moi cansa sociedade, temos
un problema estructural que só pode ter unha solución inicial na convocatoria
de eleccións, ou na máis que xustificada moción de censura.
O executivo socialista, e a súa militancia partidaria, deben reflexionar
se non chegou a hora de mudar de líderes a nivel estatal, para poder
rexenerar un pensamento socialdemócrata con visos de quedar seriamente
tocado, cara o anhelo de dirixir os destinos dun país claramente con
tendencia de centro esquerda. Vimbios para facelo teñen de sobra nas
persoas de Rubalcaba, Blanco, e algún máis. O problema e convencer ao
aparato do partido da existencia de mazás podres, -politicamente falando-,
que vician o apetecible consumo das que están en bo estado.
E mentres, os sindicatos seguirán omitindo a realidade en función do
que lles conveña en cada momento, non vaia ser que chegue ao poder "a
dereita", coa que no seu momento firmaron numerosísimos acordos...
Rafael Cuiña
06/10/10
 |
|