|
noticiasgalicia.-
As
concelleiras mosenses de Cultura e Participación Cidadá, Sara Cebreiro
e Kely Monzón respectivamente, presentaron hoxe acompañadas da alcaldesa,
Nidia Arévalo, a programación do Entroido 2012 que organizan conxuntamente
ambas edís. O programa deste ano constará do tradicional Desfile de
Comparsas, de Obradoiros Infantís de Entroido, un Xantar-Baile de Entroido
para Maiores, e unha Cea-Baile de Entroido para a Xuventude. O Desfile
de Comparsas celebrarase o domingo día 19 de feberiro ás 18:00 horas.
A concentración será ás 17:30 horas para dar comezo ao desfile e terá
lugar pola Avenida de Sanguiñeda cara ó pavillón. Neste desfile poderán
inscribirse todas aquelas comparsas integradas por un mínimo de 20
compoñentes para poder optar ao premio por participación establecido
para cada modalidade, adultos e infantís.
As inscricións no desfile deben presentarse no Rexistro Xeral do Concello
en horario de 9:00 horas a 14:00 horas. O prazo comezou o pasado martes
24 de xaneiro e rematará o venres 10 de febreiro. O desfile dividirase
en dúas seccións: infantís, ata 12 anos, e adultos, de 13 anos en diante.
As comparsas que participen con coplas tamén terán que inscribirse
no Rexistro do Concello no mesmo prazo que as demais comparsas e terán
que entregar unha copia da copla que van interpretar antes do mércores
15 de febreiro ás 14:00 horas para unha mellor valoración polos membros
do xurado. O tempo máximo de interpretación das coplas será de 10 minutos.
En canto ós Obradoiros Infantís de Entroido a edil Kely Monzón declarou
esta mañá que "foron organizados xa que no período de vacacións
dos máis pequenos orixínase a necesidade de conciliar a vida laboral
coa vida familiar e, con esta actividade, ofrecemos a posibilidade
de achegar aos nenos e nenas do Concello unha alternativa de ocio e
tempo libre, mentres os seus pais e nais traballan". Outros obxectivos
destes obradoiros son favorecer as relacións interpersoais entre os
nenos e nenas dos diferentes colexios de Mos, dinamizar o tempo libre
dos escolares con actividades educativas e lúdicas e achegar a tradición
que envolve a festa do Entroido e darlle continuidade. Poderán participar
nestes obradoiros nenos e nenas de entre 3 e 12 anos empadroadas en
Mos, ou escolarizados nalgún dos centros educativos do municipio mosense.
A inscrición nesta actividade require o cumprimento da solicitude que
se pode obter no departamento de Educación e Participación Cidadá e
no Rexistro do Concello, dende o 1 ata o 13 de febreiro, ambos incluídos.
O 14 de febreiro será publicada a lista de admitidos. A metodoloxía
desenvolvida durante os Obradoiros de Entroido será activa e participativa,
fomentando o xogo e a creatividade mediante as diversas manualidades
propostas. Os nenos e nenas se dividirán por idades, por un lado 3,
4 e 5 anos, por outro 6, 7, 8 e 9, e por último 10, 11 e 12 anos. Cada
grupo realizará os obradoiros correspondentes ás súas idades. Os obradoiros
terán unha duración de 3 horas, cun descanso de 30 minutos para a merenda.
Os obradoiros celebraranse os días 20, 21 e 22 de febreiro no auditorio
do Multiusos das Pozas en horario de 10:00 a 13:00 horas.
Outra das actividades para este Entroido será o Xantar-Baile de Entroido
para Maiores, dirixido a persoas maiores de 60 anos, ou pensionistas
maiores de 55 anos, empadroados no Concello de Mos. Despois da gran
participación acadada o ano pasado cos nosos maiores, en tódalas actividades
ofertadas dende a concellería de Participación Cidadá, quíxose celebrar
con eles e para eles unha festa de Entroido. A Terceira Idade é o sector
de poboación que máis está aproveitar a oferta lúdica do Concello por
iso se organizou este xantar, para que poidan comer, bailar e charlar
na compaña de amigos e veciños. Para inscribirse nesta actividade os
interesados deben presentar a solicitude, que poden obter no departamento
de Participación Cidadá, e no rexistro do Concello, dende onte 25 de
xaneiro ata o 10 de febreiro, ambos incluídos. O día 13 publicarase
o listado de admitidos, e o pago da actividade realizarase entre o
13 e 15 de febreiro. O prezo da actividade é de 25 euros por participante.
O xantar celebrarase o sábado18 de febreiro ás 14:00 horas no Multiusos
das Pozas.
A comida e a sobremesa estarán amenizadas polo grupo de música "Los
tres latinos". Tamén haberá un sorteo de agasallos entre os participantes.
E por último, o programa do Entroido 2012 do Concello de Mos consta
tamén dunha Cea-Baile de Entroido para a Xuventude dirixida a persoas
maiores de 18 anos e empadroadas no Concello de Mos. O motivo polo
cal se organizou esta cea foi o éxito obtido o ano pasado coa "Noite
de Entroido" para a Xuventude ofertada pola concellería de Participación
Cidadá, dende a que se quixo repetir a experiencia e celebrar unha
noite divertida e distinta, cun baile de disfraces para a mocidade
mosense. Esta actividade atópase tamén enmarcada dentro da programación
de "Noites Vivas 2012", pretendendo favorecer a participación
dos xoves nunha Cea-Baile de Entroido que amplía a oferta lúdica saudable
existente no noso Concello, e complementa outros eventos organizados
pola concellería. Nesta Cea-Baile de Entroido premiarase ós disfraces
máis logrados, por modalidade de individual, parella e grupo. Durante
o baile contarase ca actuación dun DJ, que animará a velada.
Os interesados en participar deberán cubrir a solicitude e presentala
no departamento de Participación Cidadá ou no Rexistro do Concello
de Mos durante o prazo de inscrición que comezou onte, mércores 25
de xaneiro, e rematará o vindeiro 10 de febreiro. O día 13 de febreiro
farase pública a lista de admitidos, e procederase ao cobro dos 16,50
¤ (prezo do menú), dende o mesmo día 13 ata o 15 de febreiro (ambos
incluídos). A Cea-Baile de Entroido para a Xuventude celebrarase o
venres, 17 de febreiro, ás 22:30 horas no restaurante El Volante. Tamén
haberá sorteo de agasallos (merchandising), entre os asistentes, que
se conseguiron coa colaboración de diversas empresas.
|