|
noticiasgalicia.-
O R.C. Náutico de Vigo acadou o seu segundo triunfo da
tempada regular do mellor xeito posible, cunha ampla vantaxe
e na casa. A embarcación patroneada por Foro Abal fíxose
coa vitoria na XVI Bandeira Concello de Vigo celebrada hoxe.
Os vigueses marcaron o mellor tempo apelando ao orgullo
de remar na casa diante dos seus veciños. Chapela tamén
demostrou a súa melloría cunha terceira posición tras plantarlle
cara a Náutico durante toda a regata. Samertolameu non puido
pasar da terceira posición, conseguindo remontar un posto
nos últimos metros en detrimento de Mecos, cuarto finalmente.
Na primeira das quendas, que deu comezo ás 11.30 horas,
tomaron a saída os últimos clasificados da Liga: C.R. San
Felipe de Ferrol, C.R. Vilaxoán, C. M. Bueu, Amegrove C.R.
e C.R. Coruxo. Amegrove marcou distancias desde a primeira
virada, con seis segundos de distancia sobre o segundo clasificado,
Bueu. Vilaxoán, que marchaba cuarto, cedeu nun erro de virada
o posto a San Felipe. Finalmente, os palexeiros de Amegrove
foron os máis rápidos en percorrer as 3 millas, marcando
un tempo de 21:23:09 ao final do percorrido.
Tras eles chegaron Bueu, Coruxo e xa, máis descolgados,
San Felipe e Vilaxoán, que pechou a quenda. Pouco despois
de rematada a participación dos cinco primeiros equipos,
saiu a segunda quenda. C.R. A Cabana, A.D. Esteirana, C.R.
Ares, C.R. Perillo e C.R. Puebla. Perillo, Esteirana, Puebla
e Ares viraron a primeira das balizas ao tempo, o que demostraba
que ía ser unha regata moi disputada. Porén, Esteirana comezou
a facerse oco na segunda, seguido de preto por Puebla e
Perillo a dous e tres segundos respectivamente. Xa na terceira,
os de Esteiro non deron opcións ás demais embarcacións,
marcando o mellor tempo da regata e facéndose pouco despois
coa quenda. Ares foi o segundo da quenda.
En terceira posición chegou Perillo e en cuarta Puebla.
Por detrás quedou A Cabana, que foi o quinto e último da
quenda. Cinco minutos despois da conclusión da segunda tanda,
os máis forte da Liga fixeron a súa aparición: C.R. Rianxo,
C.R. Mecos, C.R. Chapela, R.C. Náutico de Vigo e S.D. Samertolameu.
Náutico de Vigo non quería deixar escapar a súa proba, que
Samertolameu se adxudicara en dez ocasións. Os de Vigo tiraron
de orgullo e marcaron o mellor tempo xa na primeira ciaboga.
Chapela seguía de preto aos vigueses, mentres Samertolameu,
Mecos e Rianxo intentaban remontar posicións. Os de Vigo
marcaron o mellor tempo na segunda e terceira ciabogas,
rematando coas aspiracións de Meira e Chapela. Tralo gañador
da quenda, Náutico, quedou Chapela. Samertolameu foi terceiro;
Mecos rematou en cuarta posición na quenda, por diante de
Rianxo. Na clasificación final, Náutico de Vigo adxudicouse
a Bandeira, por diante de Chapela e Samertolameu.
|