|
noticiasgalicia.-
O Partido Popular de Salceda de Caselas non deixa de asombrarse cada
día cos incumprimentos do Bipartito local e "é que todo o que
se aproba e acorda nunca se leva a cabo", sinala Santiago Rodríguez
Davila, portavoz e presidente dos populares salcedenses. É este o caso
da Ordenanza Municipal de Ornamento Público na que se recolle que os
carteis deben ser expostos só naqueles lugares habilitados especificamente
para elo "e non en calquera parede ou mobiliario urbano como se
pode observar a día de hoxe", puntualiza Rodríguez Davila á vez
que insta aos gobernantes municipais "a velar por que se apliquen
e cumpran as normativas existentes".
Un incumprimento este que supón unha imaxe de deterioro e sucidade
ao non ser retirados ditos carteis ao igual que tampouco estanse a
limpar as diferentes rúas do centro urbano, atopándose cheas de excrementos
de animais e grandes manchas. "Atopámonos ante unha total deixadez
do Goberno local polo que respecta ao servizo de limpeza que, ao igual
que o do lixo, está a ser cada vez máis deficiente, provocando que
se acumule moita porcallada nas rúas, parques e zonas de ocio infantil",
conclúe Rodríguez Davila.
|