|
noticiasgalicia.-
Xa comenzaron no IES de Mos os obradoiros do Centro Quérote dirixidos
ós alumnos e alumnas do Instituto. Con esta iniciativa deuse esta mañá
o pistoletazo de saída ás actividades en horario lectivo de xaneiro
a xuño para os centros educativos de Mos que se organizan dende as
concellerías de Educación e Participación Cidadá que dirixe a edil
Kely Monzón.
Precisamente na primeira sesión de ditos obradoiros celebrada na mañá
de hoxe estivo presense a concelleira Monzón. O obradoiro levado a
cabo hoxe leva por título Querer Querendo e vai dirixido ao alumnado
de 3º da ESO, sobre educación afectivo-sexual, no que se traballa a
vivencia do propio corpo e da imaxe de xeito positivo, así como a aceptación
e respecto o amplo abano de peculiaridades e capacidades que conforman
a diversidade humana.
A imaxe corporal xoga un papel relevante na construción dunha autoestima
positiva e, polo tanto, nas nosas relacións cos demais, polo que neste
obradoiro se traballan contidos como: os modelos ou patróns establecidos
como desexables polos medios de comunicación social, a valoración que
facemos de nós mesmos/as en comparación cos patróns estéticos, as influencias
dos eloxios e críticas que realizan persoas significativas para nós,
que afectan na percepción e valoración que facemos da nosa propia imaxe.
Este obradoiro tenta, ademais, promover a vivencia da sexualidade do
xeito máis pracenteiro, responsable e satisfactorio posible, e facer
reflexionar aos alumnos/as sobre as diferentes formas que temos de
relacionarnos cos demais.
|