VIGO
El Tiempo
OPINIÓN
Carta alcalde de Redondela

Sr./a Alcalde/sa,

O Parlamento de Galicia aprobou no ano 2004 o Plan Xeral de Normalización Lingüística por unanimidade de tódolos grupos políticos. Ese instrumento manifesta, pois, a vontade dos nosos representantes populares na consecución dos obxectivos que nel aparecen recollidos e, por extensión, de amplísimos sectores da sociedade galega.

Correspóndenos, en primeiro lugar, aos poderes públicos tomalo como referencia para desenvolver cantas iniciativas sexan posibles para dinamizar o proceso de normalización lingüística. Por esta razón, o Concello de Redondela, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a dirección da TVG, acordamos facer unha convocatoria ao resto dos concellos galegos e nomeadamente ás comisións organizadoras de festexos populares para conseguirmos, entre todos, que eses espazos de lecer reflictan e potencien a nosa cultura e lingua.

Considerando que en Galicia se organizan anualmente máis de sete mil festas e que éstas representan un custo elevadísimo de centos de miles de millóns de euros, xusto é que ese caudal económico se destine a potenciar os nosos valores culturais xerais e os particulares de cadanseu concello e parroquia. Deste xeito estaremos poñendo en valor o noso patrimonio cultural e transmitíndollelo á cidadanía de noso e aos que acuden desde outras latitudes xeográficas a disfrutaren desas programacións.

As festas populares, unhas de carácter relixoso e outras gastronómicas ou de reivindicación histórica, son o marco ideal para afondar na nosa peculiar identidade; E esas oportunidades debémolas aproveitar, porque concitan o interese popular, e a través delas podemos tecer a urdime dunha conciencia galega que está a ser erosionada por hábitos e costumes foráneos derivadas das programacións festivas. Galicia precisa, pois, de moitas pedagoxías para impedirmos que os efectos da globalización dilúan a nosa personalidade cultural.

Velai porque o/a invitamos a Vde., ou persoa en quen delegue, a participar na asemblea de concellos galegos que se celebrará na Vila de Redondela o próximo día 4 de abril venres ás 12.30 horas no Auditorio Municipal, situado no Paseo da Xunqueira (detrás da Casa do Concello), no que se procederá a asinar unha Declaración Conxunta a partir dos fundamentos recollidos no díptico que adxuntamos. Agradézolle que nos comunique a súa vontade de participación enviándonos un correo electrónico a mailto:redondela@comunired.com ou cultura@redondela.es ou chamando ao teléfono 986 400 013, xa que ao remate do acto o Concello ten previsto convidar aos asistentes a un xantar.

12/03/08