Vigo
é unha democracia de papel.
Alternativa Veciñal
Un territorio onde os seus habitantes teñen dereitos
ata que os esixen. Unha cidade onde os seus administradores
incumpren a lei. Un Concello onde os seus edís esquecen a
Constitución logo de xurar o prometido gardala e facela gardar;
onde a conciencia e a honra valen tanto como as licenzas ilegais
ou as recalificacións interesadas, e onde os seus alcaldes
pon a mesma cara tanto cando asinan un documento como cando
o incumpren. A depuradora de Coruxo, que non depura e contamina
a ría; as verteduras ilegais ao río Lagares; as ruínas do
Casco Vello; a dobre firma da Carta de Aalborg e o seu descarado
incumprimento; o descontrol urbanístico e as licenzas declaradas
ilegais nos tribunais de xustiza, son exemplos claros da grave
corrupción e inoperancia que padece a Administración Municipal.
E non son os únicos.
O intento de impor un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM)
ilegal e insostible revela grave ausencia de garantía xurídica
e contradicción co interese xeral por parte do Concello. Xa
na fase de Avance víase que o Plan non era de paz. Aínda hoxe,
o seu sinal violento e desenrolista esténdese practicamente
a todo o territorio municipal, invade masivamente o rural,
transforma radicalmente a paisaxe e constitúe un atentado
a un modo de vida tradicional, á identidade e valores culturais
e ecolóxicos, e aos dereitos fundamentáis dos seus habitantes.
Ao longo de 7 anos de longa tramitación, os intentos dos cidadáns
para decidir que municipio querían, chocaron sempre tanto
contra a arrogancia política dos seus redactores, Consultora
Galega, como contra as prácticas e intereses dos partidos
políticos que, desde a Corporación, o Goberno ou a Alcaldía
porfiaron por aprobar este Plan. Fronte a tales agresións,
o pobo de Vigo reaccionou democraticamente pondo en evidencia
non só as ilegalidades do Plan senón a verdadeira cara e intencións
de quen o promovían. Os últimos acontecementos son ilustrativos:
Antes da segunda aprobación provisional, introducíronse modificacións
substanciais que non contaron coa preceptiva exposición e
participación pública.
A aprobación realizouse por un voto e nun Pleno para afiliados
do PSOE. Impedir a entrada ao soberano deste país non pode
considerarse un acto irrelevante. Por outra banda, a exposición
pública é a mínima garantía xurídica dos cidadáns á participación
na elaboración do Plan. Sen dereito á participación efectiva
non hai democracia. E o pobo de Vigo non ten democracia porque
non se pode chamar democracia a elixir a quen che ha de privar
dos teus dereitos. En resumo: a tramitación do PXOM de Vigo
é o relato da defensa da democracia, a esixencia de xustiza
e a protección do territorio, polo pobo de Vigo, fronte á
actitude hostil dos seus gobernantes, e demostra como os partidos
políticos BNG, PP e PSOE contribuíron a que a democracia non
estea garantida en Vigo. Aprobar o Plan pola Xunta de Galicia
sería un erro irreparable porque impediría a constitución
dunha democracia avanzada, unha administración xusta e unha
política respectuosa co medio ambiente.
12/05/08
|
|
|
|
|