 |
noticiasgalicia.-
Cando o índice de paro xuvenil rolda en España o 50%, programas de
bolsas comoTalentum de Telefónica supoñen unha inxección de
optimismo para os estudantes universitarios dos últimos cursos.
A multinacional española ofrece aos mozos e mozas unha vía para introducirse
na empresa pero cunhas altas expectativas de continuidade na mesma,
que rolda o 95%. Así o explicaron os representantes de Telefónica no
acto de presentación que tivo lugar este venres no campus de Vigo ante
un elevado número de estudantes.
O vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García, destacou
que programas coma este son especialmente importantes "nos momentos
críticos que estamos a vivir". García Vázquez subliñou que esta
oportunidade pre-profesional "ten unha duración inusual, 12 meses"
e explicou que Talentum entronca cunha das liñas estratéxicas da Universidade,
"o esforzo de cara á inserción laboral dos nosos alumnos e alumnas
e a aposta polo emprendemento, sendo xa a sexta universidade nacional
en creación de spin-offs".
Javier Zorrilla, director do Territorio Norte de Teléfonica España,
achegou ao preto dun cento de asistentes a evolución da compañía nos
últimos anos ata converterse no primeiro operador internacional integrado
en número de clientes, presente en 25 países, e a a quinta empresa
do mundo en número de ingresos. As cifras de 300.000 empregados e 300
millóns de clientes son unha mostra da entidade que acadou Telefónica
nas últimas décadas. Zorrila destacou que a convocatoria deste tipo
de bolsas é unha mostra do compromiso da compañía coa "captación
de talento para seguir innovando e crecendo na era dunha revolución
dixital que as novas xeracións están chamadas comandar". Como
indicou, os operadores de telecomunicacións están en medio desta revolución
e constante cambio que os obriga a innovar en contidos, dispositivos,
aplicacións e sistemas operativos. De feito a entidade investiu en
2011, 5000 millóns de euros en I+D, 1600 deles en España.
Na procura do talento
Precisamente para dirixir e acometer todas as innovacións en tempos
case vertixinosos, Telefónica precisa de novos talentos, dos egresados
mellor preparados, para o que lles ofrece un programa de bolsas de
larga duración que constitúe unha oportunidade para a aproximación
de mozos e mozas titulados ao mercado laboral.
Ao longo de 12 meses ofrécelles unha formación práctica, achegada á
realidade empresarial cun total de 500 bolsas para 2012 e, ao finalizar
o período da estadía en función do desenvolvemento e aprendizaxe durante
o programa, Telefónica poderalles ofrecer a oportunidade de incorporación
á empresa, un índice de continuidade que en edicións anteriores do
programa acadou o 95%. A convocatoria está dirixida a titulados universitarios
menores de 30 anos con formación no eido da tecnoloxía da información,
especialmente nas enxeñarías de Telecomunicación, Industrial e Informática.
Adicionalmente, tamén se buscan perfís con visión comercial, orientación
ao cliente e coñecemento do mundo da empresa de titulacións como Administración
e Dirección de Empresas, Dereito, Investigación e Técnicas de Mercado
ou Comunicación Audiovisual. Paralelamente, Telefónica convoca tamén
Talentum Startups, un programa para que estudantes de primeiros anos
de carreira que queiran mellorar a sociedade a través da tecnoloxía,
poidan desenvolver as súas ideas de innovación social co apoio de Telefónica
a través dunha bolsa na academia Wayra.
|