noticiasgalicia.-
O concelleiro de Cultura, Xesus López, anunciou este venres que Joan
Manuel Serrat actuará no auditorio de Castrelos, o vindeiro 22 de xullo
ás 23 horas, no marco da programación das Festas de Vigo 2010.
O concelleiro nacionalista destacou que no seu concerto, o artista catalán
presentará o seu último traballo "Hijo de la luz y de la sombra",
no que pon música a poemas de Miguel Hernández no centenario do seu
nacemento. Xesus López destacou que aos catro concertos presentados
das Festas de Vigo 2010, que son os de Norah Jones o 14 de xullo; Patti
Smith o 18 de xullo; Public Enemy o 5 de agosto, e David Bisbal o 7
de agosto, "engadimos hoxe un grandísimo concerto". Adiantou
que os prezos serán "módicos e asequibles", 10 euros na venda
anticipada e 12 euros o mesmo día da actuación.
O concelleiro de Cultura explicou que o novo disco de Serrat está integrado
por trece novos temas de Miguel Hernández, que complementan o anterior
LP adicado ao poeta de Orihuela, publicado en 1972. "Este novo
disco fai xustiza non só ao poeta, senón tamén á figura humana que se
posicionou ao lado da democracia e da legalidade vixente e que por iso
foi detido e morreu esquecido en prisión en 1942", salientou.
Segundo o nacionalista, o traballo de Serrat pon de manifesto que a
poesía de Hernández caracterízase pola súa contemporaneidade, máis alá
do tempo e do lugar no que foi escrita". Sinalou que "Hijo
de la luz y de la sombra" arranca cun tema cheo de forza, "Uno
de aquellos", adicado á brigada Lincoln, e remata coa canción que
da título ao disco, que Miguel Hernández adicou a un dos seus fillos,
que morreu ao pouco de nacer. Sobre o concerto o responsable da produtora
Demonio Producións, Antonio Barreiro, explicou que o espectáculo estará
apoiado con pantallas nas que se proxectarán audiovisuais relacionados
cos temas, e realizados por prestixiosos directores de cine.
Ademais, indicou que Serrat estará acompañado por seis músicos, baixo
a dirección ao piano do maestro Ricard Miralles. Respecto ás características
técnicas, Antonio Barreiro engadiu que o sistema de son alcanzará os
100.000 watios de potencia, mentres que o equipo de luz será de 200.000
watios.
En resposta aos medios sobre se este é o último concerto pechado das
Festas de Vigo 2010, Xesus López adiantou que a Concellería de Cultura
está traballando na programacion de verán para pechar outro "gran
concerto en Castrelos". Por outra banda, avanzou que ademais de
concertos, o auditorio de Castrelos abrirase tamén a outras actividades
artísticas.
|