|
noticiasgalicia.-
O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, lembrou esta tarde
no Parlamento que o estudo de viabiliade do dique de abrigo do porto
de Panxón foi presentado o pasado luns neste porto. O presidente do
ente público fixo referencia ao anuncio da contratación do estudo de
dinámica marítima presentado o luns "que definirá as posibilidades
de mellora do abrigo desta instalación portuaria".
Neste senso, Portos de Galicia está a dar cumprimento ao seu compromiso
de estudar todas as posibilidades técnicas para a mellora das condicións
de abrigo da flota de Panxón e a súa viabilidade económica. "Unha
vez coñecidos os resultados do estudo, anunciaremos publicamente as
alternativas que se nos presenten" sinalou. Durán deixou claro
que "hai que deixar traballar aos técnicos e a partires das súas
conclusións tomaremos as decisións de xestión co aval axeitado".
No que respecta ao amarre e fondeo no porto de Panxón, Jose Juan Durán
asegurou que "non só é que non poida fondear alí a flota, é que
de feito segue fondeada sen obstáculo algún", e subliñou que dende
Portos de Galicia non se emitiu en ningún momento prohibición algunha
de amarre ou fondeo neste porto.
Impulso ao transporte de ría
En canto ao transporte de ría, Durán afirmou que Portos continuará
impulsando o transporte de ría ao consideralo un medio de transporte
eficiente, sostible e alternativo ao tráfico terrestre e 100% compatible
coa actividade profesional marítima. Portos de Galicia desenvolverá
o maior número de proxectos de impulso ao transporte de ría, "pero
sempre que exista consenso para elo na comunidade portuaria e sen perxuizo
algún para o resto de actividades que se desenvolven nos portos de
titularidade autonómica". No caso de Panxón, a proposta de impulso
ao transporte de ría está sometida á súa compatibilidade coa actividade
profesional. Unha compatibilidade que é perfectamente viable tecnicamente,
segundo os estudos de Portos de Galicia.
|