|
noticiasgalicia.-
Ten
un índice de paro de tan só o 7%, por iso buscar traballadores fóra
das súas fronteiras non lle está a resultar doado. Coa vista posta
en España e no seu capital humano, Alemaña non consegue abastecerse
dos enxeñeiros, médicos, enfermeiros e empregados do sector hostaleiro
e turístico que necesita. Esta é unha das reflexións de Carsten Moser,
presidente da Cámara de Comercio Alemá para España, que será un dos
participantes no III Foro de Economía Galega 2012 que se celebra hoxe
xoves e mañá venres na Illa da Toxa. Un espazo de debate no que se
darán cita medio cento de economistas, empresarios e xornalistas para
"facer unha diagnose da situación", compartir ideas estratéxicas
e levalas "ao debate colectivo" a través dos medios de comunicación.
"Temos que ser unha plataforma para a transferencia do coñecemento,
abordando os problemas socioeconómicos da nosa contorna e aportando
perspectivas estruturais a longo prazo", explicou Santiago Lago,
coordinador do acto organizado por Rede.
Cinco frontes abertas
Mentres as academias énchense de alumnos dispostos a aprender alemán
a marchas forzadas, Alemaña quéixase de que as barreiras lingüísticas
que os separan tardarán anos en derrubarse. "Aquí non hai moitos
enxeñeiros en paro e o sector sanitario prefire ir ao Reino Unido porque
hai máis españois traballando alí e o idioma é máis fácil. Un idioma
que é aínda máis importante para a hostalería e o turismo, único sector
no que hai moita xente disposta a emigrar. A aprendizaxe de alemán
aumentou moitísimo, pero queda certo percorrido", explicou Moser.
O presidente da Cámara de Comercio Alemana e membro do padroado da
Fundación Bertelsmann aproveitará o foro para facer unha valoración
do que desencadeou a crise en España, en Europa e a nivel mundial e
"algunhas pinceladas" sobre o que hai que facer para saír
dela. E hai demasiados frontes nos que intervir. "Non só debemos
tratar os aspectos financeiros, senón que tamén hai que ter en conta
as reformas feitas, a crise inmobiliaria e a crise política, xa que
moitas veces os políticos reaccionaron mal e tarde. E o máis importante,
facer unha autocrítica, xa que os empresarios debemos ser máis competitivos
e os cidadáns máis solidarios e máis decididos a forxar o seu propio
destino, a ser máis emprendedores", salientou.
Neste camiño cara o final do túnel, o país teutón é un bo exemplo a
seguir. "Alemaña comezou hai oito anos unhas reformas que afectaban
a temas moi importantes. Tiveron que aplicarse medidas moi duras, que
obtiveron tantas protestas como as que se están producindo en moitos
países agora. Pero xa levan tempo en marcha e iso deulle unha gran
vantaxe cando chegou a crise, da que saíu máis rápido que o resto",
recordou Moser.
|