jueves. 18.04.2024

O Concello de Ares pon en marcha “Ares desde o Mar”, o servizo de rutas turísticas en barco pola ría que percorre os principais puntos costeiros do municipio. Trátase dunha iniciativa promovida pola Concellaría de Turismo para poñer en valor a riqueza paisaxística da costa aresá e achegar a súa cultura mariñeira tanto a visitantes como á propia veciñanza. A ruta marítima que se pon en marcha a bordo do pesqueiro Presas, denominada “Ares Azul”, complementa os roteiros de sendeirismo impulsados en colaboración coa Concellaría de Deportes, que percorren a pé o municipio pola costa e tamén polo interior, correspondentes ao “Ares Verde”, ou os diseñados pola área de Cultura para potenciar o patrimonio indiano dentro do proxecto “Ares Ultramarino”.

No tocante ás rutas polo mar, esta mañá o alcalde, Julio Iglesias, e a concelleira de Turismo, Lucía Blanco, informaron de cales serán as condicións que rexirán os paseos nesta tempada, indicando que se prolongarán durante as fins de semana comprendidas entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, cunha quenda de mañá e outra de tarde, ás 11 e 17 horas respectivamente. Os prezos son de 15 euros para os menores e de 20 para os adultos. A maiores, contémplase a posibilidade de realizar viaxes para grupos ou familias fóra destes días ou horarios, sempre que non excedan do tope de 12 persoas, por un prezo de 100 euros, para o que haberá que solicitar a reserva cun mínimo de tres días de antelación.

Os paseos, programados cunha duración dunha hora e media e para un máximo de 12 persoas en cada viaxe, inclúen a visita aos maiores atractivos da costa aresá como son as construcións rochosas de As Mirandas, a Cova dos Mouros ou o Porto de Redes. Os interesados en desfrutar do servizo de rutas poden ampliar a información e reservar praza nos teléfonos 609224223 e 981468259 ou acudindo á Oficina de Turismo. 

Ares comeza as rutas turísticas en barco pola ría