O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, amósase satisfeito tras confirmarse que o proxecto de Presupuestos Generales del Estado 2018 (PGE) inclúe entre as actuacións que o Ministerio de Fomento prevé acometer en Galicia a solicitada mellora e humanización da travesía da estrada N-550 ao seu paso por Padrón, no treito de 1,5 quilómetros que comprende desde o límite con Pontecesures ata a entrada na vila.
O rexedor considera "un avance importantísimo" o feito de que a totalidade do orzamento necesario, que ascende a 4,05 millóns de euros, apareza nunha programación plurianual de investimentos que permitiría rematar as obras no exercicio de 2020. Ao respecto, matiza que a consignación da primeira partida este ano "servirá para iniciar o procedemento de licitación, coa finalidade de que as obras poidan adxudicarse e comezarse no exercicio de 2019".
Resultado das xestións
Fernández Angueira asegura que estes orzamentos son "o resultado das xestións realizadas no Ministerio de Fomento e na Delegación do Goberno nos últimos meses" e agarda que estas contas "saian adiante a pesares da inestabilidade política existente a nivel nacional".
De ser así, xa anticipa que solicitará novas reunións co delegado do Goberno en Galicia, na Demarcación de Estradas do Estado en Galicia e con representantes do Ministerio de Fomento para facerlle un seguimento ás actuacións previstas para avanzar na licitación das obras. Segundo o rexedor padronés, o proxecto de mellora da travesía da N-550 marcará "un antes e un despois na imaxe de Padrón na entrada desde a provincia de Pontevedra, un treito que é precisamente por onde chegan os peregrinos que realizan o Camiño Portugués".