viernes. 19.04.2024

O Ministerio de Educación e Formación Profesional vén de concederlle ao Concello de Cuntis unha subvención de 4.000€ para a creación dunha Aula Mentor.

Trátase dun programa de formación online non regrada, flexible e con titorización personalizada, destinada a maiores de 18 anos. A través do seu extenso catálogo de cursos clasificados en áreas formativas (educación, idiomas, dixitalización, emprendemento...), ofrece a oportunidade de ampliar as competencias persoais e profesionais.

Os obxectivos da Aula Mentor céntranse en proporcionar unha alternativa en materia de formación á poboación adulta que non ten oportunidade de asistir á oferta presencial e cuxo ritmo de aprendizaxe e/ou dedicación require un sistema totalmente flexible non suxeito nin a horarios nin a prazos.

Os cursos realizaranse de forma online, tendo un tempo de duración flexible. Actualmente o prezo dos cursos é de 24€ mensuais, sendo a matrícula inicial de dous meses. Ao finalizar o curso realizarase un exame presencial que, unha vez superado, permite a obtención dun certificado de aproveitamento emitido polo Ministerio de Educación e Formación Profesional.

A Aula Mentor de Cuntis estará aberta 20h á semana, en horario de mañá e tarde. Haberá unha persoa coordinadora da mesma que dará apoio ao alumnado matriculado nos cursos.

O alcalde Manuel Campos valorou moi positivamente esta subvención e engadiu que “esta é unha oportunidade para moitas persoas que doutro xeito non poderían asistir a formación presencial”.

O Ministerio de Educación e Formación Profesional vén de concederlle ao Concello de...