martes. 16.04.2024

O Concello de Padrón agarda recibir a máis de 180.000 persoas nas 16 xornadas festivas da Pascua 2017, que arrancará este sábado, día 8, e se prolongará ata o Domingo de Pascuilla do 23 de abril.

 

As previsións, se a meteoroloxía non é moi adversa, apuntan a que o Domingo de Pascua, día grande, poderán congregarse no municipio ata 50.000 persoas mentres que o Sábado, Luns e Martes de Pascua e a xornada de peche da Pascuilla a asistencia roldará as 25.000 por xornada.

 

A edición 2017 da Pascua padronesa conta cun amplo programa con preto de 70 actividades que inclúen deporte, música, cultura, mostras e concursos gandeiros, recepcións oficiais, exposicións e monólogos. Ademais, gran parte do protagonismo desta festa estará no recinto feiral, que dispón de ata 400 postos distribuídos entre o Campo da Barca, a zona do Souto e o Paseo do Espolón.

 

Entre eles figuran cinco polbeirías, unha vintena de postos de comida e dez atraccións. Nestes primeiros días o deporte contará con especial protagonismo ata que, xa na vindeira fin de semana, tomen o testemuño a XLVIII Feira de Maquinaria Agrícola e Industrial, o pregón a cargo da empresaria Lidia Angueira, os concursos morfolóxicos de cabalos, as tradicionais recepcións aos concellos de Santiago e Rianxo ou as actuacións de Pili Pampín e Manuel Manquiña.

 

Referencia en Galicia

Os derradeiros detalles desta feira secular, cuxas orixes datan de comezos do século XVII, foron presentados hoxe polo alcalde, Antonio Fernández Angueira, e membros de goberno local e da organización, que amosaron a súa confianza en acadar un “rotundo éxito” e convidaron a todos os galegos e visitantes da nosa comunidade a gozar desta feira. “Esta festa é, sen dúbida, a gran Pascua de Galicia e unha referencia imprescindible destas datas xunto coa Semana Santa de Viveiro e de Ferrol.

 

Pódese dicir, ao igual que do Entroido ourensán, que estas tres localidades conformamos o ‘triángulo máxico’ da Pascua e da primavera en Galicia”, explicou o rexedor.

 

Angueira resaltou que a catalogación como a gran Pascua de Galicia “confírese pola variedade e calidade das actividades programadas, a elevada afluencia de público e a tradición que supón soster máis de catro siglos de historia”.

 

“Hai moi poucas festas en Galicia cunha traxectoria tan prestixiosa e antiga e que, ao tempo, estean preto de espertar o interese de 200.000 persoas”, concluíu.

 

alcalde-padron-lorena-couso

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e a concelleira de Cultura, Lorena Couso,  xogaron á chave cos participantes na quinta edición do campeonato.

Padrón agarda recibir a máis de 180.000 persoas nas 16 xornadas festivas da Pascua 2017