martes. 23.04.2024

A Concellería de Xuventude de Padrón está a organizar ao abeiro do programa Erasmus Plus un intercambio xuvenil entre mozos/as padroneses/as e unha delegación formada por unha trintena de participantes de Francia (Lisses), Grecia (Tesalónica), Italia (Roccalumera), Bulgaria (Pavlikeni) e Portugal (Buarcos).

 

Esta iniciativa, na que poderán participar catro mozos/as residentes en Padrón e con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, enmárcase no proxecto "Circular Economy: Sustainable working methods for the future" e trátase da segunda fase dun programa que xa trouxo ata Padrón a comezos de mes a 15 responsables de políticas de xuventude e técnicos de información xuvenil e medio ambiente dos países participantes. As actividades permitiranlle aos mozos/as reforzar competencias clave como a comunicación noutras linguas, a expresividade, o traballo en equipos multiculturais e a tolerancia e o respecto.

 

Os/as mozos/as padroneses/as seleccionados deberán exercer de anfitrións e acompañarán ao grupo entre os días 27 de abril e 3 de maio, asistindo a obradoiros, visitas de estudo e outras dinámicas e tentando favorecer a integración dos visitantes dos diferentes países.

 

A participación nestas actividades é totalmente gratuíta e inclúe a comida xunto aos participantes, os desprazamentos internos e as visitas a museos tamén de balde durante os cinco días nos que se desenvolverán as actividades. Ao remate, os participantes no intercambio recibirán un Youthpass, certificado que emite a Comisión Europea e que recoñece a adquisición de habilidades, destrezas e competencias durante un proxecto europeo de mobilidade.

 

A selección dos participantes padroneses realizarase por rigorosa orde de inscrición e os/as interesados/as poderán anotarse desde as 9.00 horas de mañá sábado ata as 14.00 horas do día 25 de abril enviando un correo electrónico ao enderezo [email protected], adxuntando o nome, apelidos, data de nacemento, teléfono, e-mail de contacto e o DNI escaneado. Lémbrase que para poder participar é imprescindible ter coñecementos de inglés.

Padrón organiza un intercambio xuvenil con mozos e mozas de Francia, Grecia, Italia,...