martes. 16.04.2024

O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, asinou hoxe os contratos cos presidentes dos seis clubs locais e a federación de piragüismo, entidades que perciben subvencións nominativas pola organización de eventos deportivos ao longo desta anualidade. O importe total das achegas é de 60.000 euros.


Agustín Fernández destacou que a cidade acollerá 14 eventos deportivos, de rango galego durante todo o ano. Especial protagonismo terá o piragüismo, que copa a metade desta programación. O resto da programación deportiva municipal, subliñou, encádrase noutras liñas de subvencións municipais.


O responsable de Deportes indicou que cos tempos que corren, o seu departamento está facendo un importante esforzo por tratar de manter todas as axudas aos clubs e non baixar o nivel da programación na cidade. Na súa opinión, cómpre manter a mesma liña política e estar preparados mesmo para incrementar o apoio, especialmente á base, en canto sexa posible.


O Concello, por si mesmo, non podería manter o volume de actividade que se celebra en Pontevedra. É imprescindible o compromiso e o traballo dos clubs que conforman o tecido deportivo local, subliñou.


O Club Baloncesto Arxil obtén 7.500 euros pola organización do XIV Día do Baloncesto 3×3 na Rúa e o XX Torneo Cidade de Pontevedra; o Club Natación Galaico, 10.500 euros polo X Trofeo Promesas do Lérez, o Campus a Nadar Todos e as 12 horas de Natación; o Club Taekwondo Mace Sport, 7.000 euros, polo XVIII Campionato Internacional de Taekwondo Cidade de Pontevedra; a Escudería Cidade de Pontevedra, 8.500 euros pola XVIII Subida Cidade de Pontevedra; a Escola de Fútbol Portero 2000, 8.000 euros polo XVII Torneo Internacional de Fútbol 7 benxamín Cidade de Pontevedra e a Sociedad Gimnástica de Pontevedra, 10.500 euros polo XX Medio Maratón Cidade de Pontevedra.


Finalmente, a Federación Galega de Piragüismo recibe 8.000 euros polo Campionato galego de inverno individual (5.000 metros), Campionato galego de inverno K1/C2, Campionato galego de pista individual senior e xunior, Campionato galego de pista cadete e Campionato galego de pista infantil.

A Concellería de Deportes afianza a colaboración cos clubs locais para a organización...