viernes. 29.03.2024

O cachibol, un deporte que deriva do voleibol e naceu en México, toma protagonismo en Pontevedra. A Concellería de Deportes colabora por primeira vez co Centro Sociocomunitario (o antigo Fogar do Pensionista) na organización dun curso dirixido a persoas maiores de 50 anos.


O curso foi presentado hoxe polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández; a directora do Centro Sociocomunitario, Marta Domínguez; o monitor deportivo Óscar Barreiro e un grupo de oito practicantes desta modalidade.


Fernández subliñou que a Concellería está apostando polo deporte popular, como demostran as carreiras populares, as andainas ou a recente actividade de zumba na rúa. Agora, destacou, introducimos o cachibol, pensando tamén nos nosos maiores.


Este deporte, que a diferencia do voleibol permite agarrar a pelota e celébrase sempre en condicións moi flexibles en función dos participantes, resulta idóneo para mellorar a mobilidade, fortalece especialmente brazos e pernas e, sobre todo, permite que os seus practicantes se manteñan activos. Hai constancia da súa chegada a Pontevedra no ano 2007. É un deporte de equilibrio, de coordinación, que estimula o contacto social e produce uns resultados magníficos, destacou Barreiro antes de animar a todos os interesados a inscribirse.


O curso celebrarase todos os luns e mércores, de 11 a 12 horas, no Pavillón Multiusos da Xunqueira entre os meses de outubro e xuño. O monitor é licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. As inscricións deben realizarse no Centro Sociocomunitario de Pontevedra (rúa da Alameda, 6). Os usuarios deberán pagar unha cota de 10 euros ao mes, dado que o Centro non conta con axudas oficiais.

A Concellería de Deportes integra o cachibol na súa programación apoiando un curso de...