A Deputación de Pontevedra e a Fundación Celta de Vigo asinaron hoxe un convenio de colaboración para desenvolver nos estadios de Balaídos e Pasarón o Minitorneo Elite UEFA sub-19, clasificatorio para o Mundial sub-20 que terá lugar no ano 2015 en Nova Zelandia.
No minitorneo participarán as seleccións de Lituania, Dinamarca, Alemaña e España.
O presidente do Celta de Vigo, Carlos Mouriño, destacou a importancia do torneo pois, según dixo, "si España non se clasifica primeira non irá ó Mundial e si se clasifica segunda terá na súa man a clasificación para o Europeo". Mouriño anunciou que a cidade de Pontevedra acollerá o partido entre as seleccións de Lituania e Dinamarca o vindeiro 5 de xuño, ás 20:30 h, "e non haberá máis porque é sede única", destacou.
A Deputación aportará 70.000 euros para a realización deste minitorneo e, pola súa banda, a Fundación Celta comprométese a promocionar a provincia, facilitar 1.000 entradas para os nenos por cada un dos seis partidos que se disputen e incluír 10 rapaces por partido para que participen como recollepelotas.
Tanto o presidente da Deputación, Rafael Louzán, como o do Celta de Vigo, Carlos Mouriño, subliñaron a importancia deste torneo, e doutros que se están a estudar, para unha axeitada promoción da provincia. "Hoxe, a promoción turística vai vencellada a acontecementos como este, de primeiro relevo internacional", afirmou Louzán.
Ademais, Mouriño expresou o seu agradecemento e o da súa xunta directiva polo apoio e compromiso de Louzán co Celta de Vigo. "Acudes a todos os partidos e contribúes a que o Celta creza dun xeito integrador coas persoas e coa provincia. Este é o camiño para conseguir éxitos, ir xuntos", dixo.