viernes. 29.03.2024

O barrio de Monte Porreiro acolle este domingo, día 12, a terceira edición do Gran Premio UNED, a carreira que marca a segunda cita no calendario do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP). A saída dos adultos está prevista para as 12 horas e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata a medianoite de mañá, mércores.


A proba foi presentada hoxe polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández; acompañado pola directora da UNED, Beatriz Rodríguez; a directiva da Sociedade Gimnástica; o presidente da Asociación de Veciños, Carlos Diéguez, e a presidenta da ANPA do colexio Fina Casalderrey.


Agustín Fernández amosou a súa satisfacción polo crecemento no Circuíto, que chega a esta segunda carreira con 382 corredores inscritos (un 87% máis que a estas alturas do ano pasado). De feito, o CCCP achega boa parte da inscrición en Monte Porreiro, que, a día de hoxe, está en 489 atletas. Agárdase pechala con case 600 corredores, o que significaría duplicar á segunda edición.


O concelleiro subliñou o acerto de ter promocionado a inscrición de equipos no CCCP, o que explica boa parte deste espectacular crecemento, pero subliñou que precisará de novos alicientes para o próximo ano, na liña de seguir traballando para acadar o medio millar de participantes.


En canto á carreira deste domingo, as previsións meteorolóxicas son boas, polo que a Asociación Veciñal anticipou que non haberá a habitual chocolatada, que será substituída por froita fresca, auga e bebidas isotónicas. Ao tempo, Carlos Diéguez expresou a súa vontade de dedicar a proba a José Ramallo, un dos referentes veciñais do barrio e impulsor desta proba.


Mantense o circuíto do ano pasado, coa novidade dunha meta volante na primeira volta á altura da gasolineira para un premio sorpresa. Haberá tamén clasificación por parellas. A distancia, por tanto, segue nos oito Km con dúas voltas de catro Km. A proba contará con servizo de gardarroupa na sede da UNED e duchas no ximnasio do colexio Marcos da Portela.


Despois da celebración desta segunda cita do CCCP, aínda quedarán catro carreiras para completar as seis previstas no circuíto: a terceira será a nocturna Ponte Noite 5+5 polo centro da cidade en xuño; a continuación, a carreira do Santiaguiño do Burgo, sobre un circuíto renovado de 6.000 metros, o próximo 25 de xullo. A penúltima proba será en setembro, coa carreira de Campañó e unha distancia de 9.650 metros. Finalmente, chegará a gran cita do medio maratón de Pontevedra a mediados de outubro.

A proba de Monte Porreiro dobrará a participación gracias ao tirón do Circuíto de...