domingo 24/10/21
Mundial de Duatlón

A Universidade de Vigo colabora co Mundial de Duatlón a través das facultades de Fisioterapia e Ciencias do Deporte

Na recta final de cara á celebración en Pontevedra do Campionato do Mundo de Duatlón continúan a pecharse todos os detalles da organización do que será principal evento deportivo do ano en Galicia. O Comité Executivo do Mundial, que preside o concelleiro Agustín Fernández, alcanzou estes días coa Universidade de Vigo un acordo de colaboración.

Na recta final de cara á celebración en Pontevedra do Campionato do Mundo de Duatlón continúan a pecharse todos os detalles da organización do que será principal evento deportivo do ano en Galicia. O Comité Executivo do Mundial, que preside o concelleiro Agustín Fernández, alcanzou estes días coa Universidade de Vigo un acordo de colaboración.

O acordo permitirá que os máis de 1.400 duatletas que formalizaron a súa inscrición, xunto cos participantes no triatlón popular PontealDu (aínda en trámite de inscrición), podan beneficiarse de servizos adicionais por parte das facultades de Fisioterapia e de Ciencias da Educación e do Deporte. Os servizos serán capitaneados polos profesores José Manuel Pazos (Fisioterapia) e José Luis Soidán (Ciencias da Educación e do Deporte), xunto con senllos equipos de alumnos en prácticas.

O concelleiro de Deportes subliña que todo o equipo do Instituto Municipal de Deportes está a realizar un intenso traballo para terminar de atar todos os detalles dunha competición que se pretende que sexa un fito no currículum de Pontevedra como cidade organizadora de grandes eventos. Nesta vontade encaixan acordos como o alcanzado ou o programa de formación dos 484 voluntarios que participarán no Mundial. Os dous centros universitarios prestarán os seus servizos no Pavillón da Universidade durante as xornadas do próximo 31 de maio e 1 de xuño, en horario de 9 a 21 horas no primeiro día e de 9 a 19 horas no segundo.

A Facultade de Fisioterapia facilitará a realización de todo tipo de masaxes e primeiros tratamentos ao gran volume de deportistas que estará en Pontevedra durante esa fin de semana. Ciencias da Educación proporcionará un servizo de control antropométrico a todos os atletas, que inclúe medicións de talla, peso, perímetros musculares, composición corporal... Unha compilación de datos da máxima utilidade para axustar adestramentos e medir os seus resultados en competición. Permitirá, ademais, que todos os duatletas podan obter un marco de referencia obxectivo para compararse con atletas de alto nivel e afinar así variables de adestramento e alimentación.

O equipo do profesor Soidán ofrecerá medicións moi precisas pois utilizará pinzas para os pregues corporais e determinar o índice de graxa, xunto con aparatos específicos para a caixa torácica, etcétera. Cada medición repetirase tres veces e anotarase o valor medio. O experto explica que hai moitos datos no ámbito do triatlón, pero non tantos no duatlón, polo que o Mundial de Pontevedra será unha magnífica ocasión para facer tamén unha comparativa entre ambos deportes. Por outra banda, cada duatleta obterá unha información moi útil que servirá de marco de comparación para outros momentos da temporada e/ou outras temporadas, e achegará claves interpretativas do rendemento deportivo en cada momento.

Comentarios