jueves. 18.04.2024

Sesenta nenos de entre 6 e 12 anos terán a ocasión de achegarse ó fútbol sala ou perfeccionar o seu xogo no I Campus de Fútbol Sala Aicardo, que terá lugar do 25 ó 27 de xullo en Cotobade. Estará impartido polo xogador do F. C. Barcelona e da Selección Española que lle dá nome a esta actividade.


Así o anunciaron as deputadas Begoña Estévez e Ana Isabel Vázquez, o alcalde da localidade, Jorge Cubela, e Jesús Nazaret Aicardo na rolda de prensa de presentación celebrada esta mañá no Pazo provincial, na que tamén participou Lupe Murillo, de Conservas Pescamar, que exerce de patrocinadora do evento.


O campus desenvolverase no pavillón deportivo de Tenorio os días 25 e 26 de xullo, de 16:30 a 20:30 horas, e o domingo 27, de 9:30 a 13:00 horas.


A actividade é gratuíta e os interesados poderanse inscribir no Concello de Cotobade ata o vindeiro 17 de xullo; terán prioridade os veciños do municipio.


As deputadas, o rexedor local e a responsable de Conservas Pescamar agradeceron a dispoñibilidade de Jesús Nazaret Aicardo e incidiron na relevancia de poder contar cunha das figuras máis destacadas do fútbol sala a nivel nacional e internacional para formar os máis cativos neste deporte.


Nado en 1988 na cidade de Cádiz, Aicardo comezou a xogar ó fútbol sala nas categorías inferiores do Tiempo Libre gaditano, de aí pasou ó Géminis, e chegou a Galicia da man do Lobelle Santiago, do que formou parte durante catro temporadas (do 2008 ó 2012). En 2012 fichou polo F. C. Barcelona. En 2010 debutou na Selección Española absoluta, da que forma parte e coa que gañou varios títulos.


Foi gañador da Supercopa de España no ano 2010 e obtivo a distinción de Mellor Xogador Novo do Mundo nesa temporada.


Entre os seus títulos figuran o de Liga, a Copa de España e unha Copa do Rei na temporada 2012-2013, dous títulos de Supercopa de España nos anos 2010 e 2013, a Eurocopa de Croacia do 2012, o Grand Prix de Brasil no 2010 e o MVP Final Supercopa que se celebrou en Guadalajara no ano 2010. Ademais foi declarado Xogador Revelación LNFS na temporada 2009-2010.


Aposta polo deporte


Ana Isabel Vázquez, Begoña Estévez e Lupe Murillo quixeron tamén felicitar o Concello de Cotobade pola forte aposta que está a realizar pola promoción do deporte nas súas máis diversas disciplinas, unha liña de actuación na que coincide plenamente coa Deputación de Pontevedra.


Neste sentido, Ana Isabel Vázquez destacou algúns dos eventos celebrados nos últimos meses en Cotobade, coma a Transgalaica, o Campionato Galego de BTT Maratón ou este campus que agora se pon en marcha.


Todas elas son iniciativas coas que o Goberno local de Cotobade pretende, en palabras de Jorge Cubela, "poñer no mapa" o concello e facer deste municipio unha referencia, garantíndolles a igualdade de oportunidades e de servizos ós veciños do municipio pois "non por ser un concello rural e de interior se ten que quedar atrás".

Cotobade acolle do 25 ó 27 de xullo o I Campus de Fútbol Sala Aicardo, impartido polo...