sábado. 20.04.2024

O renovado campo federativo de Coia, o máis utilizado da cidade e que está sempre a disposición de máis de 20 clubs do municipio, volverá acoller actividades deportivas "en moi poucas semanas". Así o garantiu hoxe o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, tras visitar as obras deste estadio de fútbol, nas que a institución provincial investiu preto de 1,6 millóns de euros en colaboración coa Federación Española de Fútbol, titular deste.


Acompañado polo seu vicepresidente, José Manuel Figueroa, e por directivos dos principais clubs da cidade, o mandatario da Deputación repasou as instalacións para comprobar o estado dos traballos realizados durante os últimos meses. "É evidente que o que faltan son detalles que quedarán rematados nas vindeiras semanas", afirmou.


As previsións din que o novo campo será utilizado por máis de 35.000 nenos e nenas de Vigo cada ano. As novas bancadas, pola súa banda, contarán cunha capacidade para 5.000 espectadores sentados.


Segundo explicaron os responsables da Deputación o proxecto consistiu na renovación integral do campo, cunha nova capa de céspede artificial, rede de rego con canóns de longo alcance, novos cables e focos; rede recolle-balóns; baranda e novos equipamento (porterías, marcadores...).


Reformáronse tamén os vestiarios, nos que se substituíron os acabados interiores e as carpinterías exteriores por outras con rotura térmica; instaláronse novas portas e anteparos nos aseos realizouse un cambio integral dos sanitarios e da billame.


Na zona das bancadas instaláronse novas cubertas onde non as había e reparouse a área xa existente, cunha impermeabilización total e a reparación completa dos asentos.


Do mesmo xeito trasladouse a cantina e construíronse ó seu carón dous aseos para persoas con minusvalía. Reformáronse igualmente os dous aseos públicos existentes e construíronse outros dous no antigo almacén. Ó mesmo tempo reparouse todo o peche perimétrico das instalacións.


Tanto Louzán coma Figueroa destacaron especialmente "a boa relación existente entre a Deputación e a Federación Española de Fútbol e "o esforzo de investimento da administración provincial no deporte vigués".


Reforma de Balaídos


Neste ámbito, Louzán referiuse ó recente acordo para colaborar na reforma integral do estadio de Balaídos, xunto co Celta e o Concello. O presidente lembrou que o seu organismo "xa ten aprobados e dispostos 4,5 millóns de euros para estas obras". E dixo que o convenio de Balaídos "é cousa de tres", polo que, segundo aseverou, "nós seguimos á espera de que o Concello nos chame, remate e presente o proxecto, e poña a súa parte necesaria do financiamento".


Rafael Louzán lembrou os 14 campos de fútbol construídos pola Deputación en Vigo, a recente mellora feita no campo de Fragoselo (onde xoga o Coruxo FC) cun investimento de 1,2 millóns de euros, outros investimentos feitos no mantemento de todas estas instalacións ou mesmo o acordo coa universidade para deseñar un novo campo polivalente para o Vigo Rugby.


"No período 2007-2013 investimos máis de 25 millóns de euros no deporte vigués", concluíu Louzán, "e colaboramos directamente con máis dun cento de clubs e asociación deportivas da cidade".

Louzán e Figueroa supervisan as obras do campo federativo de Coia