viernes. 29.03.2024

Os voluntarios que colaborarán para o perfecto desenvolvemento do Mundial de Duatlón, que Pontevedra acolle entre o 31 de maio e o 1 de xuño próximos, disporán das instalacións do Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra para a preparación e organización deste gran evento deportivo.


O convenio de colaboración co Concello de Pontevedra foi asinado hoxe polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o máximo responsable do Mercantil, Roberto Vega. Asistiu ao acto o concelleiro de Deportes e presidente do Comité Executivo do Mundial, Agustín Fernández.


Os aproximadamente 400 voluntarios que traballarán cara o Mundial disporán tanto da sede central do Mercantil como, se é necesario, do seu parque deportivo de Mourente. A Asociación do Voluntariado de Pontevedra comprométese a coidar e manter axeitadamente as instalacións.


Miguel Balea, responsable local do Voluntariado, adiantou que xa teñen máis de 250 persoas inscritas e en breve comezarán o período de formación, para o que é preciso dispor de locais axeitados. En concreto ofrecerán un curso de primeiros auxilios e reanimación cardio-pulmonar (a cargo da Cruz Vermella), un curso básico de inglés relacionado co deporte e o duatlón e, finalmente, un curso de turismo (a cargo do persoal da Concellería de Turismo).


Os voluntarios desempeñarán un papel fundamental durante o Mundial nos ámbitos da Seguridade Viaria e na propia organización deportiva, atendendo todos os servizos e dispositivos que é necesario despregar. O alcalde e o concelleiro de Deportes subliñaron a intensa colaboración entre o Concello e o Mercantil e a necesidade de que a sociedade pontevedresa, en todos os seus niveis, se implique no que vai ser o principal evento deportivo de Galicia neste ano 2014.

O Casino Mercantil pon as súas instalacións a disposición do Voluntariado do Mundial de...