martes. 16.04.2024

A cidade de Pontevedra está preparada para acoller o Campionato do Mundo de Duatlón, dos próximos 31 deste mes de maio e 1 de xuño.

O que será o principal evento deportivo de Galicia durante este ano foi presentado oficialmente no Concello nun acto que contou coa presenza do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández; a presidenta da Federación Internacional de Triatlón (ITU) e membro do COI, Marisol Casado; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Xosé Ramón Lete Lasa e os presidentes das federacións española e galega, José Hidalgo e Francisco Villanueva.

Os datos de inscrición confirman que Pontevedra baterá o récord de participación nesta proba, pois agárdase a 1.415 duatletas procedentes de 38 países e os cinco continentes. Esta edición superará amplamente as cifras acadadas nos últimos Mundiais, celebrados en Edimburgo, Xixón, Nancy e Otawa-Cali.

Por outra banda, destaca a inscrición de 349 deportistas ingleses e a dos 337 españois, cifras tamén que superan todos os rexistros. Agárdase tamén a presenza de 269 estadounidenses, como a terceira delegación nacional máis numerosa.

O alcalde de Pontevedra subliñou que a cidade rexistrará unha ocupación hoteleira total durante case toda a semana do Mundial e fixo un chamado á afección para que asista masivamente a presenciar unha competición única.

A mágoa, engadiu Fernández Lores, será a ausencia de Javier Gómez Noya, centrado no calendario da Copa do Mundo de Triatlón, polo que priorizará a cita de Londres. Non obstante, dixo comprender perfectamente a decisión do deportista afincado en Pontevedra.

O concelleiro de Deportes destacou a complexidade de organizar un evento con máis de 1.500 deportistas (ao Mundial súmase un duatlón popular con outros 150 participantes) e case 500 voluntarios. Todo elo é froito dun traballo moi intenso durante moitos días. Agustín Fernández, que lembrou que en 2016 Pontevedra acollerá o Europeo de Piragüismo Maratón, quixo agradecer o apoio das federacións e das institucións, como a Xunta de Galicia, que apoiaron o Mundial, “pero non llo podo agradecer ás que non o apoiaron”.

Marisol Casado, que quixo estar en Pontevedra para esta presentación, falou da repercusión económica do campionato para a cidade, mentres que Xosé Ramón Lete recoñeceu o papel de Pontevedra, que se ten convertido, ao seu xuízo, nunha capital mundial do Triatlón e o Duatlón.

O presidente da Federación Galega destacou o nivel dos deportistas galegos, mentres que o seu colega da Española puxo o foco na potencia do equipo español que competirá en todas as categorías no próximo Mundial. España, xunto con Gran Bretaña e Bélxica será aspirante a todos os podios.

En canto aos deportistas máis relevantes que competirán polas rúas de Pontevedra cómpre destacar a Emilio Martín (campión do Mundo 2012 e prata en 2013), o belga Rob Woestenborghs (campión do ano 2013) e o francés Benoit Nicolas (bronces en 2011 e 2013) no apartado masculino. En mulleres destaca a francesa Sandra Levénez (varias veces medallista mundial, a última prata en 2013 en Cali). A representación galega contará con Melina Alonso (bronce en júnior en Xixón) e Antonio Serrat (sétimo no Campionato de Europa de Tríatlon junior e actual subcampión de España de duatlón).

Na presentación houbo tamén alusión á festa final que se celebrará o domingo, a partir das 22 horas na explanada superior do Recinto Ferial coa Orquestra Panorama. Por outra banda, xa está operativa a tenda virtual de produtos deportivos do Mundial coa URL http://reinventamoseltriatlon.es/pontevedra2014/

O Mundial de Duatlón de Pontevedra acollerá a máis de 1.400 deportistas e movilizará...