jueves. 18.04.2024

 A Deputación de Pontevedra convocará un concurso de ideas para o deseño do edificio que albergará o viveiro de empresas do polígono de Barro-Meis, segundo anunciou esta mañá en rolda de prensa o presidente da Deputación, Rafael Louzán. O obxectivo é seleccionar o proxecto máis axeitado e adaptado ás funcións para as que está prevista esta edificación, que é servir de base e de centro de operacións para os emprendedores da provincia, fomentando así a creación de novas iniciativas empresariais.
A creación deste viveiro enmárcase no acordo que a Deputación Provincial acadou coa Fundación Incyde para a posta en marcha de dous viveiros de empresas na provincia, cun orzamento de 1,5 millóns de euros dos que o 80% (1,2 millóns) proceden de fondos europeos FEDER.
Promoción económica
O titular da Administración provincial subliñou a relevancia deste proxecto, que, ademais de facilitar o labor dos emprendedores de Pontevedra e comarca, dándolle espazos e servizos adecuados para a posta en marcha das súas iniciativas, servirá de punto de partida para unha estratexia máis ambiciosa de impulso do emprendemento e promoción económica en toda a provincia.
O obxecto do concurso de proxectos é premiar a proposta dun proxecto de obra básico, así como deseño e a definición das características da obra.

A Deputación convoca un concurso de ideas para a construcción do viveiro de empresas en...