viernes. 29.03.2024
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, presidiu esta mañá o acto de entrega dos diplomas e distintivos do Sistema Integral de Calidade Turística (SICTED) no destino Rías Baixas

A Deputación premia a 188 empresas e establecementos pola súa calidade turística

188 empresas e establecementos da provincia de Pontevedra recibiron esta mañá, de mans do presidente da Deputación, o distintivo que "premia a dedicación e o traballo realizados no último ano nesa aposta pola calidade, que xa se vén realizando no sector turístico, co fin de dar un paso máis na procura da excelencia turística", segundo manifestou Rafael Louzán na súa felicitación ós galardoados.

188 empresas e establecementos da provincia de Pontevedra recibiron esta mañá, de mans do presidente da Deputación, o distintivo que "premia a dedicación e o traballo realizados no último ano nesa aposta pola calidade, que xa se vén realizando no sector turístico, co fin de dar un paso máis na procura da excelencia turística", segundo manifestou Rafael Louzán na súa felicitación ós galardoados.


188 distintivos de calidade


Turismo Rías Baixas é pioneiro en España na implantación deste Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos (SICTED). En 2014 realizouse a novena fase deste plan de calidade destinado a empresas que desenvolven a súa actividade nas Rías Baixas. Esta mañá distinguíronse 48 novas empresas e renovóuselles a marca a outros 140 establecementos que xa participaran en anteriores fases, acadando un total de 188 empresas premiadas na provincia de Pontevedra.


Agrupados en 17 categorías (13 axencias de viaxes, 1 albergue, 32 aloxamentos rurais, 2 bares e cafeterías, 10 adegas, 6 cámpings, 8 comercios, 11 empresas de transporte turístico, 8 empresas de turismo activo, 1 escola de español para estranxeiros, 1 guía turístico, 31 hoteis e apartamentos turísticos, 16 museos e centros de interpretación turística, 10 oficinas de información turística, 5 "outros servizos", 6 praias, 1 porto deportivo, 11 restaurantes, 2 servizos turísticos de saúde, 12 taxis e 1 empresa de turismo industrial), estes 188 establecementos e empresas "atesouran que se están a facer ben as cousas ano a ano. Galicia e as Rías Baixas son un destino único e só falta poñerlle o cariño para que o visitante reciba ese complemento de calidade. O resto xa o temos: unha paisaxe única, unha gastronomía única e destinos inmellorables", asegurou Rafael Louzán.


Este diploma de Calidade Turística en Destino acredita o compromiso coa calidade e a mellora continua, distingue o establecemento fronte á competencia e ten validez bienal. "A Deputación está a facer un seguimento para que non se perda unha grande oportunidade de consolidar o sector nese obxectivo de conseguir a excelencia turística".


O cociñeiro Yayo Daporta, que conta cunha estrela Michelín e o recoñecemento dun sol da Guía Repsol no seu restaurante de Cambados, compartiu a súa experiencia profesional co resto de galardoados, asegurando que "o éxito só é o resumo de buscar no traballo diario a máxima calidade co fin de ofrecerlles o máximo ós clientes".


Sexto destino turístico


Os sistemas de calidade nas empresas turísticas, implantados nas Rías Baixas desde 2005, resultan fundamentais para conseguir que o cliente se sinta satisfeito co consumo dos produtos e servizos turísticos da provincia de Pontevedra, á vez que se consolida o destino Rías Baixas como un destino competitivo e diferenciado grazas ó traballo de todos os axentes turísticos que apostan pola calidade no seu servizo. "Temos que seguir consolidando o sector para lograr a excelencia turística". As Rías Baixas son na actualidade o sexto destino turístico de España e, con esta aposta, "podemos escalar un ou dous postos, e iso, para a nosa economía e a xeración de oportunidades de traballo, é o mellor que se pode facer neste momento", asegurou o presidente da Deputación.


En 2014 Galicia recibiu a visita de 3,6 millóns de turistas, un 7,1 % máis que o ano anterior; 1.041.960 destes visitantes escolleron a provincia de Pontevedra como destino, o que a coloca como o segundo lugar da comunidade máis visitado despois de Santiago de Compostela.


Nicho de emprego en 2015


O presidente da Deputación asegurou que, coa implicación de todos os axentes do sector turístico da provincia, este será un ano "de boas expectativas". O turismo liderou a xeración de emprego, con 53.213 afiliados máis á Seguridade Social, un 4,3 % máis que en 2013. "Este debe ser o ano da recuperación e da consolidación dun dos sectores que, a pesar da crise, resistiu. Só vos pedimos a vosa implicación para que fagamos unha aposta clara polo emprego". Nos seus parabéns Rafael Louzán tamén lles pediu ós galardoados que aproveiten esa aposta pola calidade para facer deste sector "un nicho de emprego", xa que "hoxe en día hai moitas persoas formadas e preparadas que ogallá poidan atopar con vós un nicho de oportunidades. Se é así, ano a ano irémonos superando a nós mesmos".


Smart Destinos


Así mesmo, o presidente da Deputación anunciou que en mes e medio as Rías Baixas serán un novo Smart Destino grazas ó traballo conxunto da Administración provincial e o sector privado, para que "o sector turístico da provincia teña un valor engadido que achegue riqueza e creación de emprego na comarca e, en definitiva, en toda Galicia." Louzán puxo de manifesto que a nosa comunidade "é un reclamo no territorio nacional e noutros países que apostan por Galicia como destino de calidade e de excelencia turística".

 

 

A Deputación premia a 188 empresas e establecementos pola súa calidade turística