lunes. 08.08.2022

Baltar propón un novo financiamento local, abordado conxuntamente co autonómico

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, protagonizou hoxe en Santiago o almorzo-coloquio do "Fórum Europa Tribuna Galicia", que organiza Nueva Economía Fórum, coa conferencia titulada "Reformulando a política provincial".

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, protagonizou hoxe en Santiago o almorzo-coloquio do "Fórum Europa Tribuna Galicia", que organiza Nueva Economía Fórum, coa conferencia titulada "Reformulando a política provincial". O acto, que tivo lugar no Parador dos Reis Católicos, contou coa presenza de máis de douscentos asistentes dos ámbitos institucional, político, empresarial, cultural e social. Manuel Baltar foi presentado pola presidenta do Consello Económico e Social, Corina Porro.

 

Na cuarta ocasión que participa nesta tribuna de debate e opinión –as anteriores foron en 2010, 2012 e 2014-, Manuel Baltar reivindicou a inclusión da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) no Consello de Política Fiscal e Financeira. Baltar, que desde o pasado 20 de setembro forma parte da Xunta de Goberno da FEMP, pediu tamén "un gran pacto político demográfico" ante o problema da crise demográfica, "que leva aparellada unha consecuencia clara: a perda de peso específico dun territorio". "Trátase –dixo- dunha grave ameaza que esixe un gran pacto político con medidas urxentes a todos os niveis territoriais. Aprobar unha folla de ruta común inatacable, sen terreo para a demagoxia, sen frivolidade política, sen utilización partidista.

 

Con actuacións que equilibren o territorio, que non abran máis fendas e que reduzan as existentes". Asemade, destacou a transparencia como "liña estratéxica institucional" e dixo que o Plan Ourense 15-19 –o documento que marca a senda do goberno provincial ourensán neste período- "inclúe a posta en marcha da primeira Plataforma Provincial de Participación Cidadá de España" Baltar tivo tamén un recoñecemento para concelleiras e concelleiros, alcaldes e alcaldesas, "eses que saben que ser alcalde é bastante máis que reducilo déficit ou o prazo de pago medio a provedores. A política é algo máis.

 

A política entra no terreo dos sentimentos e das emocións, das aspiracións do colectivo, dun benestar que non se mide só coas estatísticas", e destacou que a política municipal, o contacto permanente cos dirixentes dos concellos, "proporciona a seguridade de contar co pulso dun territorio, dunha provincia. O contacto reiterado ao longo do mes, do ano, do mandato. Falar cunha media diaria de 16 alcaldes ou alcaldesas proporciona unha foto moi aproximada da realidade e das expectativas dunha comunidade", expresou.

Baltar propón un novo financiamento local, abordado conxuntamente co autonómico
Comentarios